publicidade hoxe

Monterrei pecha o ano incrementando nun 21% as vendas na Denominación de Orixe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterreiOurenseVerín
A-
A+

A Denominación de Orixe Monterrei afronta 2014 con gran optimismo, tras os excelentes resultados alcanzados o pasado ano, no que obtivo o maior volume de comercialización desde o seu nacemento en 1994.

Mozo e de gran proxección, este podería ser o balance tras a análise da gráfica do D.O. Monterrei, que chegou a duplicar as cifras de comercialización fronte a 2009. Este crecemento en volume foi en paralelo ao incremento do número de produtores, que pasou de catro adegas en 1999 ás 23 actuais.

Todo iso responde a unha demanda crecente dos viños de Monterrei que en 2013 abriron ademais novas liñas de comercialización, nas que cobra vital importancia o mercado exterior. Así a colleita 2012 logrou introducirse nos mercados europeos, fundamentalmente en Reino Unido, Alemaña, Holanda e Bélxica, adquirindo ademais maior peso as súas exportacións a EE.UU. e Xapón. A exportación representa, segundo os datos ao peche do exercicio, un 12,12% do volume de viño comercializado pola Denominación de Orixe Monterrei en 2013.

Nesta traxectoria ascendente xogan un papel importante tanto a mellora e profesionalización do sector produtivo, como o apoio e respaldo da crítica especializada e o sector profesional. Cabe destacar que o pasado ano resulta nun excelente palmarés para os viños de Monterrei, con dezaoito marcas que alcanzan ou superan os ansiados 90 puntos Parker, e no que Monterrei se impón na Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia co maior cociente de viños premiados respecto de número de adegas inscritas no D.O., ao obter medalla 15 das súas 23 adegas, cun total de 8 medallas de Gran Ouro, 18 de Ouro e 14 de Prata.

É importante facer mención ademais a actuacións relevantes do pasado ano, como a intensa actividade promocional en colaboración co Concello de Lalín e a festa do cocido, o nacemento da Confraría dos Viños de Monterrei e o nomeamento do seu dezaoito primeiros confrades, coincidindo coa celebración da VIII Feira do Viño de Monterrei, ou o impulso do enoturismo na comarca con accións como o I Festival da Vendima de Monterrei, apadriñado pola Axencia Turismo de Galicia.

Un ano máis, a Denominación de Orixe Monterrei participou nas principais feiras do sector, estando representada en Fenavin (Cidade Real), Vinis Terrae e Fevino. Protagonizou ademais presentacións en colaboración con dinamizadores comarcais, como a presentación celebrada en Madrid con Puertas de Galicia, no que consituyó un escaparate de produto dirixido aos profesionais e á prensa madrileña.

Tamén en 2013 a Denominación recibiu a visita de importantes prescriptores, como o crítico de viños de ABC, Juan Fernández Custa, Luís Guitiérrez de Robert Parker, Ferrán Centelles de JancisRobinson.com, así como os catadores da Guía Peñín. Sen esquecer, a misión de importadores de Texas promovida polo Inorde que en xullo visitaron este D.O.

Nun intento de ampliar o radio de influencia dos viños de Monterrei e favorecer o seu posicionamento nun mercado de proximidade, o Consello Regulador promoveu a finais de ano unha campaña na hostalaría de Bilbao, instaurando así unha ruta de 20 locais na zona vella da cidade, na que durante unha quincena degustáronse os viños de oito adegas do D.O.

Respecto da colleita, 2013 deixa en Monterrei un menor volume de produción, con 2.316.532,8 Kg de uva cultivados, o 70% de variedades brancas. En canto á súa calidade, todo apunta a unha excelente evolución dos viños en adega que pronto sairán ao mercado.

 

3 de xaneiro de 2014 | 10:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.