publicidade hoxe

Máis de 125.000 euros para diversas actuacións de recuperación medioambiental en Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVimianzo
A-
A+
Belén do Campo durante a reunión co rexedor de Vimianzo

Belén do Campo durante a reunión co rexedor de Vimianzo

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 125.313 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que principalmente consistiron na ampliación da rede de saneamento do municipio para levala ao lugar de Braño, co fin de dar servizo aos veciños de Campo do Lopo, Os Carrís e Alto do Campo.

Ademais, a achega serviu para acometer a rehabilitación e recuperación do muíño da Agra e o acondicionamento da parcela anexa, próxima ao paseo fluvial da localidade, para o seu aproveitamento recreativo. Por último, outra parte da axuda destinouse á adquisición dun aspirador de residuos e dun vehículo para a realización por parte do concello de tarefas de carácter medioambiental

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán 771.245 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

27 de xaneiro de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.