publicidade hoxe

Dous arquitectos vigueses acadan o primeiro premio do concurso de ideas para o proxecto do viveiro de empresas de Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroLocal PortadaMeisPontevedraVigo
A-
A+

Os arquitectos vigueses Juan Bautista Pons Herrera e Lucas Gándara Álvarez foron os gañadores do concurso de ideas que a Deputación de Pontevedra convocou para a redacción do proxecto do viveiro de empresas de Barro-Meis, polo que recibirán un galardón de 6.000 euros.

Así se coñeceu esta mañá nun acto público presidido pola deputada Ana Isabel Vázquez, no que se abriron os sobres que contiñan a identificación dos autores dos tres proxectos que o xurado seleccionou como gañadores de entre as 13 propostas presentadas.

Baixo o lema Define tu espacio de trabajo, Juan Bautista Pons e Lucas Gándara presentaron unha proposta que combina a calidade estética co deseño funcional, na que se aproveitan moi ben os espazos, que son adaptables, cunha distribución clara e sinxela. O xurado valorou tamén a creación de espazos de calidade, coma un grande adro cuberto na entrada, que ademais de cumprir a súa función distribuidora crea un lugar de encontro e relación moi necesario neste tipo de instalacións.

O segundo galardoado, que recibirá un premio de 3.000 euros, foi o arquitecto sevillano Diego José Daza Pisonero, que, baixo o lema Código abierto, conseguiu tamén un edificio cunha imaxe atractiva e unha alta calidade estética, pero á custa de penalizar aspectos coma os construtivos e de circulación, cun aproveitamento dos espazos algo menor que o proxecto gañador.

Finalmente, baixo o título Berce201, o estudio Santos y Mera Arquitectos, de Pontevedra, fíxose co terceiro premio, dotado con 1.000 euros. Os membros do xurado valoraron os “indubidables valores a nivel de imaxe”, así como a boa avaliación orzamentaria e o feito de que sexa moi doado de desenvolver. Malia todo, non acadou o nivel de aproveitamento de espazos das dúas primeiras propostas.

Apoio ós emprendedores

A creación deste viveiro de empresas en Barro-Meis está incluída, xunto con outro en Lalín, nun acordo entre a Deputación e a Fundación Incyde, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, dos cales 1,2 millóns proceden dos fondos europeos.

O obxectivo é crear un espazo que lles facilite o desenvolvemento de proxectos empresariais ós emprendedores, polo que a instalación neste viveiro será gratuíta nos dous primeiros anos desde que o emprendedor se instale nel, tempo durante o cal só terá que pagar os gastos xerais de mantemento das instalacións.

O viveiro localizarase nas parcelas A10 e A11 do polígono industrial e  funcionará como unha estrutura de acollida temporal para situar as empresas nos seus primeiros pasos no mercado.

A Deputación e a Fundación Incyde, ademais de facilitarlles este espazo, tamén lles prestará determinados servizos adaptados ás súas necesidades, coa finalidade de axudarlles a sacar adiante o seu proxecto e a consolidarse no mercado, favorecendo así a xeración de emprego e a dinamización económica.

21 de xaneiro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.