Desaloxo nun centro escolar de Muiños tras declararse un pequeno lume no cadro eléctrico
Os 24 alumnos do Centro Escolar de Infantil e Primaria de Muiños (Ourense) foron desaloxados pouco despois das 10,00 horas tras un pequeno lume provocado por unha avaría no cadro eléctrico, que quedou sufocado en poucos minutos grazas á actuación de membros de Protección Civil, que se serviron dos extintores do propio colexio.
A directora do colexio Yolanda Martínez, explicou que o fallo e “unha pequena chama” foron detectados pouco despois das 10,00, nun cadro eléctrico “situado moi preto da entrada e por tanto moi visible”.
“Os 24 nenos que asistiron hoxe a clase, dos 26 matriculados, saíron moi tranquilos e os máis pequenos coma se fose un xogo, e levámolos ao pavillón polideportivo onde o profesorado terminará a mañá con eles para volver logo ao centro á hora para comer”, detallou.
A intervención de Protección Civil produciuse de forma “inmediata” porque, segundo a directora, están moi preto e apagaron as pequenas chamas cos extintores do colexio. Tras o incidente e o desaloxo, un electricista, membros de Protección Civil e un inspector de Educación avalían o ocorrido.
A pesar do pequeno incidente, o servizo de comedor do centro escolar manterase durante a xornada, segundo Martínez, porque funciona con gas e é utilizado por todos os alumnos, procedentes de varios pobos diferentes de todo o municipio de Muiños.
A directora dixo non lembrar un incidente semellante no centro, pero si sabe que antes de chegar ao CEIP de Muiños, fai tres anos, o centro dedicou unhas horas a un simulacro de evacuación.