publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura e Educación continúa a desenvolver as actividades da segunda edición de “Nadal en Rede”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCelanovaFerrolFisterraLocalMasideNoiaOrosoOurensePortada dereitaToén
A-
A+

O obradoiro de cantares tradicionais “Cantámosche os reis” e a representación de “O Crebanoces” percorren os preto de vinte concellos que compoñen a Rede de Dinamización Lingüística. O catálogo dixital ‘Un novo Nadal. Guía de agasallos para a mocidade’ anima a xente nova a obsequiar produtos galegos e en galego nesta época de intercambios de galanos.

Cartel Nadal en rede

Cartel Nadal en rede

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) continúa a desenvolver as actividades da segunda edición de “Nadal en rede”, que nestas datas están a percorrer as preto de vinte localidades que compoñen a RDL.

Aninovos e reis en galego

O obradoiro de cantares tradicionais “Cantámosche os reis”, a cargo dos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk levan os cantos do Nadal, dos Reis e do Aninovo a concellos galegos pertencentes á RDL, nunha proposta deseñada para recuperar a tradición oral dos cantares na lingua propia de Galicia.

Así hoxe a provincia de Ourense recibe o obradoiro por partida tripla: Maside, na Casa da Cultura, ás 11:00 horas; Toén, na Casa da Cultura de Moreiras, ás 17:00 horas, e Celanova, na Sala da Lareira da Casa dos Poetas, ás 19:00 horas. Con estas derradeiras sesións, “Cantámosche os reis” despide así a segunda edición de “Nadal en Rede”, que levou o obradoiro por 21 concellos galegos, todos eles, pertencentes á RDL.

O clásico de Hoffmann, tamén en galego

“O Crebanoces”, o espectáculo máis típico das festas do Nadal na tradición europea, púidose gozar en galego na súa versión con monicreques durante o Nadal 2013. Da man da actriz Larraitz Urruzola, a particular versión do conto de Nadal de Hoffmann con acompañamento musical de Tchaikovsky.

Esta peza teatral chegará hoxe a Noia, cunha función na Sociedade Liceo, ás 12:00 horas, e mais á Coruña, con outro pase no Fórum Metropolitano, ás 19:00 horas. Na véspera da visita dos Reis Magos, mañá, “O Crebanoces” levará o clásico de Nadal a Ferrol, cunha representación na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester, ás 12:30 horas.

Xa o luns, aínda en período de vacacións escolares, “O Crebanoces” chegará a Fisterra, con outro pase no Salón de Actos da Casa do Concello, ás18:00 h, e o martes despedirá o programa “Nadal en Rede” en Oroso, coa derradeira función na Sala de Exposicións do Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, ás 18:00 horas.

Animar á mocidade a agasallar en galego

Outra das propostas recollidas no programa “Nadal en Rede 2013” é o catálogo dixital “Un novo Nadal. Guía de agasallos para a mocidade”, impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, para animar á xente nova a obsequiar produtos galegos e en galego nesta época de intercambio de galanos.

A publicación, que se pode descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega, ofrece diversas propostas que inclúen a lingua galega como criterio de calidade e autenticidade e que apostan por empregala na súa difusión e venda nos ámbitos da literatura, da música, do cine, dos xoguetes, da roupa, da artesanía e do lecer.

4 de xaneiro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.