publicidade hoxe

Cores Tourís visitou a empresa Alimentos Amorodo de Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Alimentos Amorodo

Cores Tourís na visita a Alimentos Amorodo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Alimentos Amorodo de Forcarei, en compaña da alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a puxanza económica do sector dos produtos ecolóxicos.

Segundo apuntou o delegado territorial, que estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores da carne, o leite, a madeira, o viño e os produtos ecolóxicos, como é o caso de Alimentos Amorodo”.

Alimentos Amorodo é unha microempresa dedicada á elaboración de conservas vexetais a base de hortalizas e froitas ecolóxicas, e que se atopa acollida ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

En canto ao seu volume de negocio, a facturación de 2012 roldou os 120.000 euros. Conta con tres traballadores fixos e 5 fixos discontínuos. “Levamos traballando dende 2003 e na actualidade non só vendemos en Galicia senón tamén noutros lugares de España como Madrid, Valladolid ou Bilbao aínda que o noso obxectivo é conseguir exportar, especialmente a Europa e USA”, explicaron as propietarias da firma, María Victoria Cosme Pichel e Yolanda Vilar Freire.

A empresa solicitou á Consellería de Medio Rural e Mar unha aportación económica de cara a adquisición dunha nova marmita basculante para a elaboración de 300 litros de capacidade, un dosificador volumétrico automático e unha bomba para levar o produto dende as marmitas ao dosificador. O investimento global roldou os 35.000 euros dos cales o 25 % foi aportado grazas a estas axudas da administración autonómica.

O delegado territorial aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector do produto ecolóxico “e a súa enorme puxanza”, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia. Recordou Cores Tourís que o crecemento do sector ecolóxico permite contar cunha produción que aposta polos alimentos de máxima calidade que “axuda a respectar o medio ambiente e conservar a fertilidade do solo a través da utilización óptima dos recursos e do rexeitamento aos produtos químicos de síntese”.

“Trátase dun sector en auxe cunha imparable e crecente demanda tanto nos mercados máis inmediatos como nos mercados estranxeiros”, engadiu o delegado territorial, recordando que, “a maiores, estamos a falar de produtos máis valorados e mellor pagados que os convencionais”.

“Pero, para todo elo, é necesario seguir apostando por este tipo de agricultura e, en especial, protexela e garantila e para iso contamos, dende a Xunta de Galicia cun aval legal que autentifica a procedencia dun produto ecolóxico”, matizou Cores Tourís.

En relación ás cifras que se manexan neste sector, o delegado territorial explicou que en 2011 produciuse un crecemento dun 8% en canto a terreos dedicados a este tipo de agricultura en Galicia, con 15.300 hectáreas, 1.119,61 na provincia de Pontevedra. En 2011 o crecemento das ventas superou o 27% con respecto ao ano anterior, cun volume de negocio por riba dos 21 millóns de euros.

23 de xaneiro de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.