publicidade hoxe

Cores Tourís destaca a importancia do sector avícola e ecolóxico na visita á empresa Avega de Rodeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRodeiro
A-
A+
Cores Tourís na visita a Avega

Cores Tourís na visita a Avega

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sociedade cooperativa galega Avega de Rodeiro, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a importancia económica do sector dos produtos avícolas e tamén, neste caso, ecolóxicos, en Pontevedra.

Segundo apuntou o delegado territorial, que estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, Luis López, e o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores do leite, os produtos ecolóxicos, a madeira, o viño e a carne, como é o caso de Avega”.

Avega Sociedade Cooperativa Galega conta en Rodeiro cun centro de clasificado e envasado de ovos ecolóxicos e outras instalacións destinas á fabricación de pensos tamén ecolóxicos. Ademais, conta no polígono industrial de Agolada cunha fábrica de queixos.

En canto ao seu volume de negocio, a facturación de 2012 roldou os 2,88 millóns de euros. Conta con 12 traballadores e produce dous millóns de quilos de penso ano ano, dos cales o 40% expórtase fora de Galicia. No caso dos ovos, producen seis millóns ao ano, dos cales, o 15% se vende en Galicia e o resto en España. “Contamos con dúas granxas propias con 10.000 galiñas, e outras dúas en integración, é dicir, de familias coas que temos un convenio”, explicou o xerente da firma, Alfonso Vence. “As nosas granxas están catalogadas como referentes en Europa, dada a elevada calidade das nosas galiñas”, engadiu, “xa que pasan seis meses ao aire libre nunha parcela de 5 hectáreas”.

A empresa solicitou á Consellería de Medio Rural e Mar unha aportación económica de cara a posta en marcha de melloras tecnolóxicas nesta cooperativa. Así, destinouse a axuda á compra de maquinaria e equipamentos, en concreto, segundo matizou Vence, “melloramos tecnolóxicamente a clasificadora de ovos así como acondicionamos as dependencias de recepción e expedición e de almacenaxe de cartón”.

A maiores tamén se mellorou a liña de clasificado e empacado de ovos, instalouse un ordenador e un novo software. “O obxectivo do noso proxecto foi mellorar a calidade e aumentar a competitividade da nosa empresa”, rematou Alfonso Vence.

O investimento global roldou os 151.000 euros dos cales 68.000 euros foi aportado grazas a estas axudas da administración autonómica a través de dúas anualidades.

29 de xaneiro de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.