publicidade hoxe

Cabanas acolle teatro con perspectiva de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O Concello de Cabanas vai levar a cabo este próximo venres pola mañá no I.E.S. Fragas do Eume unha nova actividade que se enmarca dentro do Programa Municipal de Promoción da Igualdade e que está sufragada pola Secretaría Xeral de Igualdade. Trátase da representación  “I’ll be watching you (hei estar vixiándote)” realizada polo grupo Chévere, que con esta obra segue a traballar e desenvolver o seu teatro con perspectiva de xénero. Esta actuación está dirixida ó alumnado que acode ó centro.

O argumento da obra xira en torno a dous personaxes, Yeni, a vocalista dunha orquestra de pachanga e Dami, o seu guitarrista, que veñen a ofrecer o típico repertorio versionando os éxitos do pop actual, supostamente neutral e apolítica. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ó público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.

Trátase este dun proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo, buscando desta forma traballar e actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico.

“I’ll be watching you” fala entón dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a conivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre outra persoa.

30 de xaneiro de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.