publicidade hoxe

Avaliación dos danos causados polos últimos temporais en Campo Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+
Cores Tourís comproba os danos en Campolameiro

Cores Tourís comproba os danos en Campo Lameiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o Concello de Campo Lameiro co obxectivo de avaliar, acompañado polo alcalde da localidade, Julio Sayáns, os danos causados tralo paso dos últimos temporais.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.

Segundo puido comprobar o delegado territorial, a gran maioría dos danos causados polas fortes choivas debéronse a desprendementos de polas, pedras, árbores e terra sobre pistas rurais.

A zona máis afectada foi a estrada que enlaza San Antoniño de Penalva coa igrexa de Fragas onde a forza da auga arrastrou, ladeira abaixo, pedras, lodos e árbores, e deixou inutilizables os accesos a varios camiños e a vivendas, nunha zona de monte propiedade da comunidade de Cascaneda.

“A intensa auga, que continúa a caer pola ladeira, arrastrou canto atopou ao seu paso, pasando por riba desta estrada”, explicou o alcalde da localidade, “o que fai que sexa imposible e moi perigoso que poidamos atallar de forma total os danos causados cos medios dos que dispón o concello”.

De feito, o concello levará a cabo en canto mellore o tempo o arranxo da parte alta da ladeira utilizando un camión municipal que permita sacar a auga acumulada no comui do monte. “Pero a parte inferior da lameira, a que se atopa o pasar a estrada, ten que ser atallada con medios especiais, xa que é moi perigoso meter alí un camión como o noso, de rodas”, engadiu Sayáns.

Deste xeito, o delegado territorial informou ao alcalde de que, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan, levarase a cabo unha avaliación da situación do terreo para a posta en marcha de medidas que atallen a situación. “Somos conscientes de que o derrubamento está a producir problemas de accesibilidade a zonas das vivendas e a parcelas de varios veciños desta zona, polo que se executarán as obras o antes posible”, explicou Cores Tourís.

Para executar os traballos da zona inferior do monte será necesaria, por parte da Xefatura Territorial de Medio Rural e Mar, dunha máquina de cadeas “que permita retirar a terra acumulada e trasladala ata un camión”, matizou pola súa banda Miguel Dubois.

16 de xaneiro de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.