publicidade hoxe

As obras de reparación do mosteiro de santa María la Real de Oseira contarán cunha achega de 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cristovo de Cea
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ao templo

Xesús Vázquez na visita ao templo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o estado do Mosteiro de Santa María la Real de Oseira, no concello ourensán de San Cristovo de Cea, e comprometeuse a axudar na reparación de urxencia das cubertas, afectadas polo tornado o pasado mes de outubro, cun investimento de 30.000 euros.

Esta nova intervención irá dirixida á parte da cuberta que se viu afectada no mes de outubro de 2013 por un tornado que durante 30 segundo provocou o levantamento parcial da canle da cornixa na cubrición da xirola e na capela de Santa Umbelina, zonas orientadas ao leste e norte, sendo as máis expostas aos ventos dominantes.

Durante a visita Vázquez Abad comprometeuse a realizar os estudos necesarios para a futura redacción dun Plan Director. Cómpre recordar que a Xunta leva investido dende 2005 máis de 590.000 euros. Deste xeito, xa foron renovados o tellado do Claustro dos Cabaleiros, e os das ás sur e oeste, así como tamén foron repostos e formados os aleiros da fachada sur da igrexa do mosteiro.

O conxunto arquitectónico

A Abadía pertencente á Orde do Císter dende o ano 1141, e a súa importancia histórica vén referendada polos numerosos privilexios reais e doazóns de particulares recibidos dende o seu primeiro abade cisterciense, García (1137-1166). En 1552 sufriu un gran incendio que afectou a todo o conxunto excepto á igrexa. Posteriormente incorporáronse novos estilos artísticos, e en 1835, tras a exclaustración, foi abandonado ata o 1929 foi habitado novamente polos monxes Cistercienses de Estreita Observancia que iniciaron a restauración do conxunto.

O conxunto está formado pola igrexa abacial coa capela de San Andrés, os tres claustros (da Hospedería ou dos Cabaleiros, Regular ou dos Medallóns e o dos Pináculos), dous corpos sobresaíntes (dormitorio dos Anciáns ao sur e a Biblioteca e nova Hospedería ao norte) e dous edificios exentos ao sueste, o muíño e a tafona.

3 de xaneiro de 2014 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.