publicidade hoxe

Área de Santiago e o Entroido do Ulla presentan os seus atractivos turísticos en Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA EstradaAmesArzúaBoqueixónBriónLalínLocal PortadaMelideO PinoOrosoPadrónPontevedraRoisSantiago de CompostelaSilledaTeoTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+
Presentación do Entroido do Ulla en Fitur

Presentación do Entroido do Ulla en Fitur

Área Santiago, grupo de 19 concellos creado formalmente o pasado mes de maio para a súa promoción turística conxunta, presentouse hoxe en Fitur. Con esta presentación o grupo da un paso máis no seu posicionamento como un destino turístico que, nas proximidades de Santiago de Compostela, ofrece un amplo abanico de atractivos e posibilidades aos visitantes: natureza, gastronomía, cultura, patrimonio, pesca…

Na presentación de Fitur, en nome dos 19 concellos do grupo, participaron os alcaldes de Santiago, Padrón, Vedra e Vila de Cruces, que fixeron un percorrido polas orixes, obxectivos e traballos desenvoltos ata o de agora por Área Santiago, unha zona definida por dous dos principais ríos de Galicia: o Ulla polo Sur e o Tambre polo norte.

Nos seus primeiros meses de traballo o Grupo definiu un Plan de Acción cos seguintes obxectivos: ampliar e mellorar a información turística dispoñible; mellorar a súa visibilidade como destino turístico; aumentar o valor engadido da oferta turística existente; aumentar o número de visitantes e de pernoctacións no destino.

Área Santiago desenvolveu unha páxina web, www.areasantiago.es, na que se pode consultar toda a información turística dos 19 concellos en galego, castelán e inglés. A navegación pola web pode facerse tanto por Concellos como por temas. A web inclúe tamén unha axenda e unha central de reservas, polo que se propicia a visualización de todo o territorio como un único destino.

Ademais, para potenciar a presenza de Área Santiago nas novas canles de comunicación, a App de Turismo de Santiago inclúe múltiples contidos dos 19 concellos do grupo: aloxamentos, axenda, central de reserva, museos, xardíns, servizos turísticos, mercados tradicionais, zonas de pesca, autocaravanas, aldeas con encanto, praias fluviais… A App está dispoñible tanto para Android como para Iphone.

O Grupo presentou tamén en Fitur o seu novo plano, no que se recolle a principal información turística da zona, amosando a diversidade da oferta que hai no destino. O plano recolle información sobre igrexas, mosteiros, patrimonio arqueolóxico, pazos, aldeas con encanto, monumentos naturais, museos, mercados tradicionais, miradoiros, prais fluviais, áreas recreativas, zonas de pesca, oficinas de información, emerxencias…

O plano tamén destaca de xeito especial os productos gastronómicos máis importantes dos diferentes concellos, que ademais son un dos seus principais atractivos: Pementos de Herbón; viños, queixos e licores con Denominación de Orixe; sidra; lamprea; troitas; salmón; galo de curral; empanadas; filloas, doces tradicionais; tarta de Santiago… 

Área Santiago está formada por: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Trátase dun grupo de traballo para potenciar conxuntamente o sector turístico na zona. Os concellos suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Entroido dos Xenerais da Ulla

Aproveitando a presentación de Área Santiago, tamén se presentou en Fitur o Entroido dos Xenerais da Ulla, que este ano se celebrará entre o 22 de febreiro e o 9 de marzo e estreará o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta presentación enmárcase no traballo de promoción conxunta que desenvolven dende hai un par de anos os oito concellos nos que se celebra esta festa tradicional, que remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX. Os oito concellos son A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Nas súas intervencións, o alcalde de Santiago Ángel Currás realizou a presentación do grupo de traballo “Área de Santiago” e pola súa parte o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero realizou a presentación do Entroido da Ulla-Xenerais da Ulla.

22 de xaneiro de 2014 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.