publicidade hoxe

Apertura do prazo de inscrición para o programa “Bule” en Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O goberno de Rafael Girón pretende retomar no mes de febreiro o programa “Bule”, de exercicio físico e psicosocial para enfermos crónicos, desenvolvido no municipio en colaboración con Alcer (Asociación de loita contra as enfermidades do ril) e Deputación da Coruña. A Concellaría de Benestar Social abre o prazo de inscrición para esta actividade totalmente gratuíta.

O proxecto, que deu os seus primeiros pasos en Ortigueira a finais de novembro do 2012, impulsa a actividade física e social a través dun grupo de traballo dun máximo de 20 participantes, que se reúne dúas veces por semana en horario de mañá na piscina municipal, proporcionando beneficios físicos, psicolóxicos e sociais aos usuarios.

 Os destinatarios de “Bule” terán que ser especificamente veciños de Ortigueira con calquera tipo de enfermidade crónica ou os seus familiares. Non en balde, a particularidade do programa atópase en que busca que cada enfermo crónico siga un plan de exercicios adaptado ás súas posibilidades e patoloxía, ademais de facilitar as ferramentas precisas para realizar exercicio de forma de totalmente autónoma.

“Bule” completa a aposta do goberno local por fomentar a actividade física e un estilo de vida activo en veciños de todas as idades, axudando así a previr doenzas crónicas asociadas ao sedentarismo como poden as enfermidades cardiovasculares, a hipertensión ou a diabetes.

Os veciños/as interesados en beneficiarse desta iniciativa deberán anotarse canto antes no centro social de Ortigueira, sede da Concellaría de Benestar Social, ou ben chamando ao teléfono 981 402542.

24 de xaneiro de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.