publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta licitará a primeira fase da renovación de infraestruturas hidráulicas da Rúa nos vindeiros meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaGaliciaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará nos vindeiros meses a  1ª fase da renovación de infraestruturas de abastecemento e saneamento no Concello da Rúa.

Trátase dun proxecto redactado por Augas de Galicia, a solicitude do concello da Rúa, para a renovación das redes de conducións de determinadas rúas, que orixinan problemas de perdas, especialmente importantes no caso do abastecemento.

Na rúa A Noria, procederase a desmontar a instalación de bombeo para dotala de nova valvulería para renovar as bombas existentes, e para protexela ante subas bruscas de presión. Así mesmo para o control e regulación do bombeo, instalarase un sistema de telexestión do mesmo.

Nesta mesma rúa executarase unha nova impulsión dende a estación de bombeo ata os depósitos xerais, en tubaxe de fundición de diámetro 200 mm, de modo que se substitúe á actual tubaxe de bombeo en fibrocemento. Ademais, os depósitos conectaranse coa rede de distribución con tubaxes de PVC de diámetro 200 mm, na rúa Progreso (dúas conexións) e na Circunvalación, de modo que se prevé a substitución das actuais tubaxes de fibrocemento.

Nas rúas Progreso, Felgar, Arnaveca e do Campo executarase unha nova rede de distribución en alta de PVC de diámetro 200 mm, e nos treitos de beirarrúa e por bloque de casas instalarase tubaxe de PVC de 90 mm, todo elo substituíndo ás actuais tubaxes de fibrocemento.

As tubaxes irán enterradas baixo gabia e reporanse os firmes existentes. Para evitar os descalzamentos de firmes as gabias entubaranse en toda a súa altura. As conexións, cóbados e derivacións formigonaranse.

Está previsto a reposición das actuais acometidas de auga domiciliarias aos edificios, e durante a execución das obras instalarase unha tubaxe provisional de abastecemento, en cada un dos treitos de obra, con conexións individuais provisionais.

22 de xaneiro de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.