publicidade hoxe

A Xunta e concello de Coristanco ultiman os trámites para a aprobación do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristancoLocal Portada
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Coristanco

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Coristanco

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo unha reunión co alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, para avanzar na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) desta localidade. Así mesmo, na xuntanza tamén se abordou a situación do estudo de detalle da rúa Charrúa, situada na parroquia de Traba deste mesmo municipio.

Neste momento, Coristanco ten un PXOM vixente dende o mes de maio do ano 2000, aínda que, dende fai xa máis de cinco anos, tratan de levar a cabo unha revisión do mesmo. O Concello coruñés está á espera de recibir todos os informes sectoriais, para, seguidamente, presentar unha proposta de Memoria Ambiental á Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e, unha vez emitida por este órgano, remitir o documento ao Goberno galego para aprobación definitiva.

Ata o de agora, os responsables da administración do municipio mantiveron dúas reunións con membros da Consellería de Medio Ambiente, a primeira, en maio do 2012, para analizar o Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) e, a segunda, en xullo do pasado ano, co fin de estudar as modificacións no PXOM, resultantes das alegacións e dos informes sectoriais.

Axudas

No eido das subvencións, cabe sinalar que, no 2007, concedeuse unha axuda para redacción PXOM, un total de 126.522 €, posteriormente, modificouse a cantidade, quedando establecida de forma definitiva en algo máis de 121.000 euros. Ata o momento, téñense aboadas a 1ª fase, é dicir, a sinatura de contrato, con 24.292,22 € e a 2ª fase, coa mesma cantidade, necesaria para elaborar o informe previo á aprobación inicial en maio de 2013. Este mesmo ano, esta previsto aboarlle a aprobación inicial correspondente á 3º fase. Destacar que, previamente, ao Concello de Coristanco concedéuselle una axuda para cartografía de case 39.000 euros.

O concello de Coristanco tamén solicitou unha axuda complementaria ao abeiro da Orde do 29 de xullo, para adaptar os traballos do Plan Xeral de Ordenación Municipal á Lei 2/2010 de 25 de marzo, polo que lle corresponde unha subvención complementaria de máis de 19.000 euros, que xa está aboada.

 

31 de xaneiro de 2014 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.