publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A xornada sobre o programa de aprendizaxe non formal ‘Xuventude en acción’ dispón de 200 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSanta CombaXuventude
A-
A+

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar organiza o próximo 25 de xaneiro a xornada Programa Xuventude en Acción 2007 – 2013. Aprendizaxe non formal, difusión de experiencias e resultados, no concello de Santa Comba (A Coruña). O número de prazas é de 200 e a inscrición será mediante solicitude electrónica no portal www.xuventude.xunta.es, desde hoxe e ata o 18 de xaneiro.

Esta ten como obxectivos principais dar a coñecer os resultados dos proxectos aprobados a través do programa europeo Xuventude en Acción 2007–2013, que chega ao seu fin; proporcionar información sobre o novo programa europeo Erasmus + e promover a participación xuvenil a través da elaboración e presentación de proxectos dentro das liñas de traballo e financiamento do mesmo; ofrecer un espazo para o diálogo e o intercambio de experiencias entre os participantes en proxectos enmarcados nesta iniciativa; e difundir as boas prácticas para a aprendizaxe non formal a través de metodoloxías que fomenten a cidadanía activa europea.

A iniciativa estará destinada a participantes en proxectos do programa europeo Xuventude en Acción entre os anos 2007 e 2013, a técnicos de información xuvenil, a líderes de asociacións xuvenís, culturais ou de outros ámbitos, a monitores xuvenís, a responsables da toma de decisións políticas en materia de xuventude, e a mozos e mozas non asociados.

O programa de actividades prevé un relatorio sobre os resultados do programa, catro obradoiros sobre as distintas accións do mesmo e un relatorio sobre o Erasmus +. Así mesmo, con ocasión desta xornada, será presentado o quinto libro de mobilidade xuvenil de Galicia, que recollerá a maioría dos proxectos de mobilidade de 2013 xestionados desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Este ano Galicia foi unha das comunidades máis activas tanto no número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea para a realización de proxectos promovidos por asociacións e grupos informais de mozos e mozas galegos.

Xuventude en Acción é un programa creado para promover a mobilidade dos mozos e mozas europeos, infundindo así un sentimento de cidadanía europea activa, solidariedade e tolerancia entre a mocidade co fin de promover a súa implicación na construción europea. Este fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural, e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

Este elevado índice de participación pon de manifesto unha importante iniciativa dos mozos e mozas galegos en temas de mobilidade e participación activa en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal. No ano 2013 foron aprobados en Galicia un total de 54 proxectos nos que participaron máis de 1.000 mozos e cun presuposto total de 853.780 euros.

Erasmus +

O día 31 de decembro rematou o programa Xuventude en Acción 2007-2013 e entrou en vigor, a partir do 1 de xaneiro de 2014, o Erasmus+ que é o novo programa da Unión Europea para a educación, a formación, a mocidade e o deporte.

Erasmus+ terá unha dotación orzamentaria total de 1.800 millóns de euros en 2014 e reflicte tres liñas diferenciadas de actuación e financiamento: proxectos de mobilidade, tanto dos mozos e mozas como do persoal que traballa no eido da xuventude; actividades que fomenten a colaboración entre institucións e organizacións xuvenís co mundo laboral; e actividades de apoio ao dialogo entre os mozos e os sistemas educativos, formativos e as institucións democráticas.

O primeiro prazo para presentar solicitudes en Erasmus+ rematará o vindeiro 17 de marzo de 2014. A información provisional e os documentos dispoñibles ata o de agora deste novo programa está aberta á consulta no portal da Comisión Europea.

3 de xaneiro de 2014 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.