publicidade hoxe

A reparación da ponte do Pedrido sobre a ría de Betanzos supuxo un investimento de 2,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+
Agustín Hernández na visita á ponte de Pedrido. Foto: Moncho Fuentes/AGN

Agustín Hernández na visita á ponte de Pedrido. Foto: Moncho Fuentes/AGN

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de rematar a reparación da emblemática Ponte do Pedrido, entre os puntos quilométricos 6+300 ao 6+820 da estrada AC-164 (Guísamo – Insua), grazas a unha inversión 2,3 millóns de euros . Así o manifestou esta maña o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na súa visita ao lugar acompañado pola delegada territorial da Xunta na A Coruña, Belén do Campo.

Segundo sinalou o responsable de Medio Ambiente, as obras acometidas nesta edificación civil, que cumprirá 71 anos no próximo mes de abril, desenvolvéronse pola necesidade de revitalizar e prolongar a vida desta infraestrutura para que cheque a ser centenaria nas mellores condicións.

A emblemática ponte non presentaba danos estruturais, pero si superficiais que podían ocasionar unha redución da durabilidade da mesma. A perda de recubrimento da armadura pasiva, aconsellou unha intervención sobre a obra de paso para reparar os danos atopados.

O conselleiro de Medio Ambiente comunicou que esta actuación beneficia a preto de 73.000 habitantes dos concellos coruñeses de Pontedeume, Miño, Sada, Paderne, Bergondo e Oleiros, ademais de protexer un ben do Patrimonio Cultural de Galicia.

Medidas de mellora acometidas
Durante a visita, Agustín Hernández explicou as principais labores realizadas nos 500 metros de lonxitude da ponte e que dá continuidade á estrada AC-164 entre Guisamo e Insua:

– Reparacións da armadura, que presentaba danos no formigón e corrosión nos elementos metálicos.
– Eliminación de vexetación enraizada nos muros.
– Inxeccións e selado das fisuras en arcos, travesaños, lousas e pilas.
– Limpeza de humidades.
– Reparación das péndolas dos arcos.

Características da infraestrutura

A ponte do Pedrido ten unha lonxitude total de 517,45 metros e 14 vanos: 13 deles teñen dous arcos de formigón de 31 metros de luz, aproximadamente, e están situados baixo o taboleiro; o vano restante ten dous arcos parabólicos de taboleiro inferior de 71,40 metros de luz, así mesmo, esta estrutura ten unha anchura de 7,20 metro, salvando o principal que chega ata os 8,25 metros.

Programa de Xestión de Obras de Paso

Os traballos de reparación da Ponte do Pedrido sobre a ría de Betanzos enmárcanse dentro do programa de Xestión de Obras de Paso (XOPA) fomentado dende o Goberno autonómico e centrado no inventario e inspección das estruturas dependentes da Xunta de Galicia.

A día de hoxe, este programa segue en marcha con varias actuacións previstas en Noia, Muros ou Lugo.

31 de xaneiro de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.