publicidade hoxe

A Rede de dinamización lingüística inaugura o ano con actividades nunha vintena de concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaAbegondoAmesCabana de BergantiñosCelanovaDumbríaFeneFerrolFisterraLocal PortadaLousameMasideNoiaOrosoOurensePontecesoPontedeumeTeoToén
A-
A+

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia recibe o aninovo cunha ampla oferta de actividades de lecer en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva durante estes días a case unha vintena de localidades.

No marco da segunda edición do programa “Nadal en Rede”, o espectáculo de teatro con monicreques “O Crebanoces” e mais o obradoiro de cantares tradicionais “Cantámosche os reis” chegarán, desde hoxe e ata o vindeiro mércores 8 de xaneiro, aos concellos de Abegondo, Teo, Lousame, Ames, Noia, A Coruña, Ferrol, Fisterra e Oroso, e mais aos de Pontedeume, Fene, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños, Maside, Toén e Celanova, respectivamente. Con eles, as entidades da RDL promoven a celebración do Nadal en galego.

Aninovos e Reis en galego

Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk levan os cantos propios do Nadal, dos Reis e do Aninovo a concellos galegos pertencentes á RDL, nunha proposta deseñada para recuperar a tradición oral dos cantares na lingua propia de Galicia. Na que é xa segunda edición de “Cantámosche os reis”, as asociacións culturais e veciñais e mais o público xeral teñen oportunidade de recuperar as cancións típicas de cada zona e cantalas despois diante dos seus veciños, para converter o galego no centro das relacións veciñais e festivas.

Hoxe, xoves, o obradoiro desenvolverase nos concellos coruñeses de Pontedeume e Fene. No primeiro deles cunha sesión matinal na Casa da Cultura, ás 12:00 horas, e, no segundo, con outra de tarde, tamén na Casa da Cultura, ás 18:00 horas. Mañá, venres, as localidades anfitrioas serán Ponteceso, Dumbría e Cabana de Bergantiños, que acollerán o taller na sede da Fundación Eduardo Pondal, ás 12:00 horas; no Conco, ás 17:00 horas; e na Biblioteca María Baña, ás 19:00 horas, respectivamente. E o sábado estará na provincia de Ourense.

O clásico de Hoffmann, tamén en galego

“O Crebanoces”, o espectáculo máis típico das festas do Nadal na tradición europea, púidose gozar en galego na súa versión con monicreques durante o Nadal 2013. Da man da actriz Larraitz Urruzola, a particular versión do conto de Nadal de Hoffmann con acompañamento musical de Tchaikovsky, está percorrendo 24 municipios da RDL durante estas festas para promover o Nadal en galego e a galeguización dos eventos festivos típicos desta época.

Este sábado, a peza teatral chegará a Noia e mais á Coruña. Na véspera da visita dos Reis Magos, o domingo, “O Crebanoces” levará o clásico de Nadal a Ferrol o luns a Fisterra, e o martes despedirá o programa “Nadal en Rede” en Oroso.

Animar á mocidade a agasallar en galego

Outra das propostas recollidas no programa “Nadal en Rede 2013” é o catálogo dixital “Un novo Nadal. Guía de agasallos para a mocidade”, impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, para animar á xente nova a obsequiar produtos galegos e en galego nesta época de intercambio de galanos.

A publicación, que se pode descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega, ofrece diversas propostas que inclúen a lingua galega como criterio de calidade e autenticidade e que apostan por empregala na súa difusión e venda nos ámbitos da literatura, da música, do cine, dos xoguetes, da roupa, da artesanía e do lecer.

2 de xaneiro de 2014 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.