publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra aprobou a convocatoria do concurso de ideas para o Centro de Usos Náuticos da Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra dota con 22.000 euros o concurso de ideas para a redacción do anteproxecto de construción do Centro de Usos Náuticos da Illa de Arousa. Así se acordou na Xunta de Goberno que tivo lugar esta mañá e na que se aprobou o convenio para a convocatoria do dito concurso.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, subliñou a necesidade de construír este centro, co obxectivo de dotar dunhas instalacións axeitadas o Club de Piragüismo e a Asociación de Dornas a Vela, dous clubs característicos deste municipio.

Louzán lembrou que a Deputación ten consignados nos orzamentos deste ano 500.000 euros para a execución dos traballos, pois o obxectivo é que entre 2014 e 2015 se execute o proxecto e que A Illa poida dispor “na entrada mesma do concello” dunhas instalacións que representarán, ademais, “un atractivo turístico importante”.

O acordo entre a Deputación e o Concello establece a colaboración das dúas partes no financiamento das obras, pero a Administración provincial asume o custo do concurso de ideas, ó que destina 22.000 euros.

O proxecto gañador do concurso recibirá 12.000 euros, mentres que os 10.000 euros restantes se distribuirán, a partes iguais, en dous accésits para os seguintes proxectos mellor valorados.

O Centro de Usos Náuticos construirase na zona do Bao, nunha parcela de case 4.000 m2, e dará cabida, en primeiro lugar, ó Club de Piragüismo, que demanda desde hai tempo unhas novas instalacións, e á Asociación de Dornas a Vela, que na actualidade carece dun local adecuado tanto para gardar o seu material coma para desenvolver as actividades que organiza.

17 de xaneiro de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.