publicidade hoxe

A Deputación de Lugo impulsa a recuperación do patrimonio histórico e artístico de Meira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMeira
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, estivo hoxe en Meira con motivo da sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Nosa Señora do Pedregal para a restauración do retablo maior da Igrexa de Santa María. En virtude deste acordo, o organismo provincial financia o 100% das actuacións, 42.000 euros, para recuperación total desta obra barroca datada no século XVIII e de gran valor patrimonial.

Gómez Besteiro salientou a importancia da colaboración coas entidades da provincia na conservación do patrimonio lucense para “preservar e poñer en valor os atractivos que ofrece Lugo ós visitantes”. O Presidente salientou que “toda a provincia, e neste caso Meira, conta con ducias de elementos capaces de espertar o interese dos visitantes polo que o patrimonio histórico, artístico e cultural da provincia é un valor que debemos conservar e dar a coñecer”.

Este retablo barroco forma parte do altar maior da igrexa románica de Santa María de Meira, a patroa da localidade. Tanto a igrexa, construída no século XII, como o retablo son un punto de atracción dos visitantes a este Concello.

As tarefas de restauración comprenderán a desmontaxe do retablo, de desinsectación e tratamento funxicida, limpeza e recuperación de todos os elementos de madeira, policromía e dourados, e montaxe final antes de darlle un último tratamento de protección. O convenio inclúe fondos para os estudos previos necesarios e elaboración da memoria final.

Esta actuación, que forma parte do Plan Estratéxico de Subvencións, enmárcase na aposta da Deputación de Lugo por apoiar calquera iniciativa que contribúa a conservar e poñer en valor a riqueza cultural e patrimonial da provincia, importante factor de reclamo turístico que incide na economía local, sobre todo no rural axudando a crear emprego e fixar poboación.

26 de xaneiro de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.