publicidade hoxe

A Deputación de Lugo comeza a construción da residencia con Centro de Día de Pol que contará con 48 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPol
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron este venres en Mosteiro o inicio das obras de construción da residencia con centro de día pública para a terceira idade deste Concello. Estas instalacións terán 48 prazas para maiores e crearán 20 empregos directos na localidade. As obras teñen un prazo de execución dun ano e contan cun orzamento de 1,4 millóns de euros. A Deputación aporta 1,2 millóns de euros e o Concello de Pol 200.000 euros para o financiamento do proxecto, ademais da cesión dos terreos nos que estará ubicada esta dotación.

As dependencias gozarán dunha excelente situación, atopándose ó carón do centro sociocultural da vila e doutros establecementos. A residencia con centro de día de Pol contará cunha superficie de 1.676 metros cadrados, con 24 habitacións dobres, que permitirán ofrecer un total de 48 prazas. Coma no resto de residencias con centros de día públicas que constrúe a institución provincial, os usuarios tamén disporán doutras dotacións, como salas de estar, de lectura ou de televisión, todas elas de uso común, e servizos de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios, o que asegura a prestación de amplos servizos de calidade para os usuarios tanto da residencia como do centro de día.

Esta dotación precisará de persoal para cubrir as necesidades dos maiores, polo que se crearán ó redor de 20 postos de traballo directo que inclúen coidadores sociais, médicos e ATS, que darán cobertura ás 24 horas do día, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros, dando estrito cumprimento ó detallado na Lei de Servizos Sociais de Galicia.

Gómez Besteiro e Rodríguez Ónega visitaron o lugar onde estarán as instalacións e colocaron a primeira pedra da construción. O Presidente ratificou o seu compromiso para a creación da rede pública de residencias con centros de día da provincia e salientou que a construción de novas instalacións atópase entre os compromisos do organismo que dirixe para o 2014. A Deputación ten consignados 15 millóns de euros para a construción destas infraestruturas por toda a provincia. Gómez Besteiro recordou que a Xunta negouse a colaborar neste proxecto público concertando prazas, cando si o fai noutras residencias privadas. O Presidente insistiu en que “malia que a Xunta, que ten as competencias na materia, non considere prioritaria a atención á terceira idade, a Deputación continuará coa construción dunha rede pública de residencias e centros de día para maiores, convencida de que os veciños desta provincia teñen dereito a unha cobertura de servizos sociais básicos e de calidade, con independencia de onde viva”. O Presidente da Deputación recalcou que “con estas dotacións contribuímos a fixar poboación nos Concellos coa creación de novos postos de traballo”.

Pola súa banda, Lino Rodríguez agradeceu a preocupación amosada dende a Deputación polas necesidades dos municipios da provincia e destacou a repercusión positiva desta instalación na economía da zona e a mellora na atención á poboación maior deste municipio.

Necesidade e oportunidade

O Presidente e o Alcalde destacaron a necesidade da apertura deste servizo na comarca, posto que Pol conta con 642 maiores de 65 anos, o 36% da súa poboación total. Deles, a metade son maiores de 75 anos e 310 contan con máis de 80 anos. Ante o envellecemento da poboación e a sangría demográfica que está a sufrir a provincia, os empregos relacionados cos servizos sociais preséntanse como unha boa oportunidade para fixar poboación. É no Concello de Pol onde figuran a maioría dos parados da comarca, 85, dun total de 240 que suman os municipios da zona. A visita do Presidente para supervisar o comezo desta importante dotación para a comarca, coincidiu coa tradicional cita dos maiores deste Concello.

Compromiso para o 2014

Gómez Besteiro salientou que a Deputación incluíu entre os seus compromisos para o 2014 rematar as obras de 5 residencias e centros de día públicos na provincia. Ademais das instalacións de Pol, este ano rematarán as obras na Fonsagrada, Castroverde, Trabada e Pedrafita do Cebreiro e iniciaranse as de Navia de Suarna e Ribas de Sil, feito que dinamizará a economía local e fomentarán o benestar dos maiores que non terán que afastarse dos seus fogares ó contar con residencias e centros de día públicos nos seus municipios.

Gómez Besteiro e Rodríguez Ónega foron os encargados de colocar simbolicamente a primeira pedra desta construción. Nesta ocasión tratouse dunha urna de ferro que soterraron e na que ambos mandatarios introduciron un distintivo da corporación local, unha copia do convenio para a realización da obra de construción e un exemplar dun xornal do día de hoxe.

10 de xaneiro de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.