publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha axuda do INEGA de 152.000 euros mellorará a eficiencia enerxética de Frades, Ordes e Trazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFradesLocal PortadaOrdesTrazo
A-
A+

Os concellos de Frades, Ordes e Trazo veñen de recibir unha achega de 151.897 euros para a mellora enerxética en varios puntos dos seus municipios. A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou nos últimos días o concello de Frades, onde comprobou as actuacións levadas a cabo nos núcleos de Pontecarreira, Os Canedos (Mesos) e Pazo (Galegos) a través desta subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Segundo explicou Do Campo, estas actuacións permiten mellorar a calidade do subministro eléctrico, co fin de acadar un aforro económico do 60%. Na mesma liña, a máxima representante do Goberno galego na provincia tamén valorou que os tres municipios concurriran conxuntamente a estas axudas. Na nosa provincia, desenvolvéronse outros 10 proxectos de agrupacións de entre 2 e 4 concellos. Deste xeito, coas axudas do Inega benefícianse un total de 36 concellos coruñeses, aos que se lles facilitou o cambio de luminarias por outras máis eficientes enerxéticamente.

A Xunta de Galicia, co fin de impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, destina este ano unha partida 1,42 millóns de euros á provincia da Coruña. Neste sentido, cómpre lembrar que, entre as principais novidades, o programa promove actuacións conxuntas de agrupacións municipais, incrementando a valoración dos proxectos un 30% e a contía da axuda nun 15% con respecto ao 70% que lle correspondería a cada municipio de xeito individual. Co desenvolvemento destes proxectos de asociacións municipais foméntase a cooperación institucional e diminúense os custos de execución.

As actuacións suporán un aforro anual conxunto de 1 millón de euros en toda Galicia. Así mesmo, acadarase un aforro enerxético de 5 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 1.400 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 535 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 27.000 árbores.

A través desta liña de axudas, o Goberno galego reforza as distintas actuacións que xa estaba impulsando no eido enerxético municipal, como a Unidade de Aforro Eléctrico local, que contempla un completo paquete de medidas para mellorar a eficiencia enerxética municipal. Entre estas destaca a asesoría enerxética de carácter multidisciplinar do Inega que permite resolver as dúbidas dos municipios; o “optimizador da facturación” de electricidade, dispoñible na páxina web do Inega; e o servizo de auditorías enerxéticas on-line, que permitirá aos concellos levar a cabo avaliacións adaptadas as súas particularidades.

26 de decembro de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.