publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha árbore do Nadal de lámpadas solares reivindica as enerxías renovables

Europa Press

Os visitantes da Ribeira Sacra nestes días festivos descubrirán, polas noites, que na muralla natural que remata no río Sil, coñecida como Pena Loura, loce unha árbore do Nadal de 75 metros debuxada con lámpadas fotovoltaicas que se iluminan coa enerxía solar cargada durante o día, co fin de reivindicar o fomento das enerxías renovables e o papel activo dos cidadáns no aforro enerxético.

O coordinador de Enerxía e Mobilidade do colectivo Amigos da Terra, Pedro Díaz, explicou que a colocación da árbore é “totalmente simbólica” pois está colgado, ata o día 26 de decembro, na parede rochosa vertical situada entre as presas de San Pedro e Santo Estevo, da empresa Iberdrola, onde a cor azul das lámpadas fotovoltaicas contrasta co amarelo das que iluminan as instalacións da hidroeléctrica.

“En Santo Estevo a empresa remata as obras de instalación subterránea de canalizacións que mantiveron o río Sil sen auga durante meses, e agora fai o mesmo na de San Pedro, coa desaparición total dun tramo da estrada entre Os Peares e o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, con valo e vixilancia privada, a pesar de que esa estrada é veciñal e non hai ningún acordo para apropiarse dela”, protesta Díaz.

O símbolo, segundo Díaz, concrétase en que, fronte aos estragos causados pola empresa hidroeléctrica en poucos quilómetros, se pode “exhibir polas noites unha árbore xigante con enerxía totalmente limpa e ademais cambiante segundo a captación de enerxía solar que houbo durante o día”.

Recordou que a conca do Sil é a que soporta a maior concentración de explotacións hidroeléctricas de toda España e tras o Real Decreto que deixa de impulsar as enerxías renovables,” é o momento de que a cidadanía esixa aos políticos que lexislen para os cidadáns e non para as cinco corporacións eléctricas deste país.

Co lema “desenchufa o ladrón”, o colectivo Amigos da Terra anima a “conectarse ao Sol” e a “ser activos para ter menos gasto eléctrico por exemplo, baixando un pouco a potencia fixa porque redundará na factura e nunha acción global para reducir a dependencia de enerxías tan daniñas como a eléctrica e as procedentes de combustibles fósiles”..

PRODUTORES DE ENERXÍA LIMPA

Segundo Díaz, hai 100 anos apenas había un “personaxe” que defendía o uso de enerxías limpas, pero hoxe só en España hai 55.000 produtores deste tipo de enerxías. “Ese cambio é necesario e debemos poñernos en marcha para ser autoproductores e consumidores desa enerxía que nós producimos”, animou.

A campaña do Nadal de información sobre a cuestión enerxética seguirá para Amigos da Terra coa saída o día 26 dende Ourense ata a sede de Iberdrola en Bilbao en bicicleta.

A chegada está prevista para o día 5 de xaneiro e alí entregarán dúas macetas de barro con senllas lámpadas fotovoltaicas no seu interior, a xeito de plantación que hai que coidar.

22 de decembro de 2013 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.