publicidade hoxe

Os 20.000 euros do Plan de Axudas ao Medio Rural mellorarán as dotacións dos veciños de Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaBaleiraLugoNavia de Suarna
A-
A+

O Deputado de Economía do Medio Rural e do Mar, José Fernández, supervisou hoxe varias actuacións levadas a cabo nos Concellos de Baleira, A Fonsagrada e Navia de Suarna, que foron realizadas con cargo ó Plan de Axudas ó Medio Rural, posto en marcha polo organismo provincial para potenciar o sector primario mellorando servizos e infraestruturas básicas para os veciños do rural.

José Fernández destacou “a importancia destas actuacións de mellora, que son demandadas polos veciños e que tamén representan unha axuda para os Concellos, posto que supoñen un aforro para as arcas municipais”. O Plan de Axudas ó Medio Rural estivo dotado cun total de 300.000 euros, e permitiu a preto de 60 colectivos e agrupacións de toda a provincia levar a cabo obras de mellora de infraestruturas e servizos grazas ás aportacións máximas de 6.000 euros coas que a Deputación de Lugo financiou ó 100% o custe de todas estas actuacións. Este Plan supón, igualmente, un impulso a economía da provincia, posto que autónomos e pemes lucenses foron os encargados da execución destas obras, contribuíndo, deste xeito, ó mantemento de emprego.

As obras supervisadas hoxe consistiron na ampliación dun camiño e a reposición dun muro en Mendreiras, na parroquia baleirense de Santiago de Martín, e que dá servizo ás ducias de veciños que viven na zona. Esta obra contou cun financiamento de 6.000 euros. No Concello da Fonsagrada foron dúas obras: o arranxo dos accesos ós núcleos de Ferreirous e de Padrón, dotadas con 6.000 e 4.000 euros respectivamente. En Navia de Suarna, a obra subvencionada foi o acondicionamento dun camiño en Murias de Rao, no que se investiron 6.000 euros e que dará servizo ós preto de 50 veciños deste lugar o dos limítrofes da parroquia de Santa María de Rao. Foron, polo tanto, 22.000 euros os que recibiron os veciños destes catro Concellos.

Impulso do sector primario

Con esta iniciativa do organismo provincial, os preto de 60 colectivos veciñais e de gandeiros beneficiados obtiveron financiamento para acondicionar vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos para a extinción de incendios. En moitas ocasións, os destinatarios non poden asumir por si mesmos estas obras, que aínda que de pequena entidade, teñen unha importancia vital para a calidade de vida e o traballo do rural, polo que foi fundamental a aportación do organismo lugués, que concedeu o 100% das contías solicitadas ata un máximo de 6.000 euros.

As actuacións subvencionadas puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013. O preto do 50% das obras realizadas foron acondicionamento de vías de comunicación, que facilitan o acceso ás zonas máis rurais. As canalizacións de auga foron outras das obras máis realizadas, supoñendo preto do 20% do total.
Na pasada convocatoria estas axudas supuxeron a realización de 120 obras en núcleos rurais de 47 concellos, dando emprego a unha media de 300 persoas.

26 de decembro de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.