publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Prestige arrastra aos galegos á rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolFozLocalLocal PortadaLugoOurensePontevedraPortada esquerdaSantiago de CompostelaVigo
A-
A+
Europa Press
Manifestación en Santiago de Compostela

Manifestación en Santiago de Compostela

Once anos despois da mobilización histórica que levou a 200.000 galegos a manifestarse contra a xestión do accidente do buque petroleiro ‘Prestige’ fronte á costa de Galicia, decenas de miles de persoas volveron saír á rúa na comunidade para mostrar a súa indignación contra unha sentenza que acusan de “deliberadamente inxusta”, para esixir “responsabilidades políticas” e para berrar “nunca máis” ao chapapote e á impunidade.

   Convocadas pola plataforma Nunca Máis, que naceu naqueles días para canalizar a rabia do pobo galego ante unha das maiores catástrofes ambientais da historia da navegación, oito cidades –Santiago, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Vigo, Ferrol e Foz– foron escenario este 1 de decembro de protestas cidadás “contra o chapapote, o esquecemento, a impunidade e a inxustiza”.

   Na emigración, os galegos concentráronse tamén en Barcelona, Madrid, Londres, Le Croisic –epicentro da catástrofe do ‘Erika’ en 1999– e Praga.

   Numerosos representantes de varias organizacións políticas da oposición, sindicalistas e personalidades da cultura acudiron ás diferentes manifestacións, que concluíron coa lectura dun manifesto no que as principais reclamacións da plataforma se estruturan en torno a seis puntos.

“RECLAMANDO XUSTIZA”

   “Aquí estamos de novo, reclamando xustiza, recordando o que aínda queda por facer e esixindo solucións concretas”, proclamou na Praza da Quintana, ante unhas 5.000 persoas, o escritor Suso de Toro, que se encargou da lectura do escrito na capital galega, ao igual que Manuel Rivas ao termo doutra multitudinaria manifestación en Ferrol, que confluíu coa de traballadores do naval.

   Tras Suso de Toro, o grupo Caxade puxo música a un acto que xa estivo acompañado polo son de gaitas e tambores durante o percorrido polas rúas santiaguesas.

   As peticións de ‘Nunca Máis’ son, segundo enumerou o literato compostelano, “un, os medios necesarios para facelo fronte a calquera outro accidente marítimo que se poida producir nas nosas costas; dous, a xestión definitiva para o fuel do pecio do Prestige; tres, o seguimento da saúde das persoas que limparon o chapapote; catro, as competencias propias en seguridade e salvamento marítimo; cinco, o retorno da seguridade marítima á xestión pública; seis, o control efectivo do dispositivo de separación de tráfico de Fisterra e sete, medidas lexislativas que rematen coa impunidade dos que contaminan”.

“EN PÉ MALIA A FATIGA”

   Previamente, en declaracións aos xornalistas, o autor de obras como ‘Trece badaladas’ reivindicou que a cidadanía galega “segue en pé” once anos máis tarde e “a pesar da fatiga”.

   “Imos seguir o camiño ata o final”, advertiu, en referencia á determinación de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial de A Coruña, que absolveu o capitán do ‘Prestige’, Apostolos Mongouras; ao xefe de máquinas do petroleiro, Nikolaos Argyropoulos e ao exdirector xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, acusados polo afundimento do barco.

   Tamén antes de arrancar a marcha, o responsable de organización do BNG, Bieito Lobeira, cualificou de “lamentable” que a cidadanía se vexa “obrigada a seguir na rúa”. Neste sentido, o nacionalista demandou “medidas correctoras” para que non volvan acontecer “nunca máis” sinistros como o do ‘Prestige’.

   Pola súa banda, o alcalde de Teo (A Coruña), Martiño Noriega, de Anova, evidenciou a necesidade de, once anos despois, outro 1 de decembro, “reivindicar a memoria e a dignidade”, ante unha sentenza “inconcibible” que absolve os acusados.

“RÉXIME PUTREFACTO”

   Xa na Quintana, o líder de Anova e voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, considerou a marcha un “episodio dunha traxedia que leva moito tempo, que consiste en que aquí houbo unha enorme catástrofe da que os máximos responsables son os responsables políticos”.

   Beiras recordou que o actual presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, “foi denominado o señor dos hilillos”, para criticar que, agora, “resulta que acaba de haber unha sentenza que, de momento, exime de responsabilidade aos máximos responsables”.

   “É tráxico que os cidadáns teñamos que seguir defendendo o país ante os que o están a destruír”, subliñou o histórico nacionalista, en alusión á situación do naval. Ao seu xuízo, esta circunstancia reflicte “que hai un réxime político que está putrefacto”, polo que reprobou que “os que están podres aínda reclaman leccións de respecto aos que protestan”.

“CONTAMINAR SAE GRATIS”

   Na capital herculina, o voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, puxo de manifesto que “hoxe o pobo galego reivindica a súa dignidade fronte a unha sentenza que instaura a impunidade en Galicia e que vén a dicir que contaminar Galicia sae gratis”. “A única que pagou foi Galicia, asumindo as consecuencias ambientais e económicas da catástrofe,”, constatou.

   Por parte do PSdeG, en Santiago estivo presente o deputado e exrexedor Xosé Sánchez Bugallo, mentres outros parlamentarios e cargos do partido avalaron as protestas nas oito cidades para responder á sentenza emitida 11 anos despois de que uns 1.600 quilómetros das costas galegas e do Cantábrico se tinguisen de chapapote.

“NUNCA MÁIS ÁS MAREAS NEGRAS”

   A xornada concluíu con berros de “nunca máis” á “incompetencia política”, ás mareas negras de chapapote e “ás de manipulación e de mentiras”, xunto a críticas aos dirixentes populares Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo e aos anuncios de recurso tanto do Estado coma da Xunta de Galicia, que a plataforma Nunca Máis identifica cun “intento de acalar voces”.

   “O longo camiño que queda témolo que facer como pobo galego”, reza o manifesto lido nas oito cidades. “Ou recorremos nós esta inxusta sentenza ou ninguén o vai facer por nós. Nin Rajoy nin Feijóo van procurar que se faga xustiza, iso sabémolo ben”, incide e finaliza cun contundente “Nunca Máis” a “outro petroleiro estendendo a morte”.

1 de decembro de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.