publicidade hoxe

O obradoiro “Agrupación Carballiño-San Amaro” ofrece un posto de traballo a 22 persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO CarballiñoOurenseSan Amaro
A-
A+

O obradoiro de emprego “Agrupación Carballiño-Ourense” ofrece formación e un posto de traballo a un total de 22 persoas desempregadas achegadas destes dous concellos ourensáns. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 6 persoas da zona que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polos alcaldes de San Amaro e Carballiño, Ernesto Pérez e Argimiro Marnotes, respectivamente, comprobou o desenvolvemento deste obradoiro de emprego que a Consellería de Traballo e Benestar subvenciona con 195.435 euros.

Dos 22 alumnos que participan neste obradoiro, 15 estanse a formar en xardinería e os 7 restantes en albanelería . Actualmente, os alumnos están a traballar na restauración do campo da festa de San Amaro.
Durante os seis meses de duración do obradoiro, logo da súa etapa inicial de formación, os seus alumnos e alumnas porán en práctica os coñecementos adquiridos. Así, no concello de San Amaro ademais de acondicionar o campo da festa da capitalidade, os participantes neste programa realizarán traballos de restauración da “Caseliña”; na baixada das Neves, no lugar de Cruceiro; do campo da Cruz das Neves de Grixoa e do Campo Lamela, en Salamonde-Santa María.
Polo que respecta ao concello do Carballiño, os alumnos adecuarán, modernizarán e axardinarán a contorna da praza da Veracruz e limparán o parque municipal.
Rogelio Martínez amosou a súa satisfacción por poder visitar este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”.
Un total de 234 persoas desempregadas como alumnos e 67 persoas como persoal docente, administrativo e directivo dun total de 37 concellos participan nos once programas mixtos de formación e emprego que acolle a provincia ourensá.

O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destina aos obradoiros de emprego que se desenvolven en Ourense 2.078.720 euros. “Este esforzo enmárcase na aposta firme do Goberno galego pola mellora da empregabilidade das persoas desempregadas en Galicia”, apuntou Rogelio Martínez.

No conxunto da Comunidade autónoma, están en marcha un total de 50 obradoiros, que contan cun investimento de preto de 10 millóns de euros e que beneficiarán a 1.300 persoas desempregadas.

20 de decembro de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.