publicidade hoxe

O Belén Artesanal en Movemento de Valga inaugura a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaValga
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde, José María Bello Maneiro realizaron esta mañá unha visita ao Belén Artesanal en Movemento de Valga. Esta representación do Nadal en Valga obtivo o pasado día 31 de outubro a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Este é o primeiro Nadal que o Belén de Valga celebra coa nova distinción.

Segundo explicou Nava Castro, Turismo de Galicia apoia e promove este tipo de manifestacións culturais tan enraizadas nos costumes dos pobos e vilas de Galicia porque constitúen un dos importantes atractivos da nosa comunidade, que nos diferenza e que converte a visita dos viaxeiros nunha experiencia única.

O Belén artesanal en movemento máis grande de Galicia que se pode visitar durante este Nadal en Valga conta cunha gran variedade de escenas nas que se recrea o Nacemento pero tamén costumes e oficios representados por personaxes coñecidos da vila, persoeiros famosos e ilustres que habitan unha paisaxe con diferentes microclimas dentro dun espazo de grandes dimensións. Trátase do Belén máis grande de Galicia.

Nas últimas edicións desta celebración a afluencia estimada foi de 40 mil persoas, o que exemplifica, segundo manifestou a directora de Turismo, o grande atractivo do Belén de Valga e a gran repercusión en cifra de visitantes que ten para o concello.

Tamén indicou que outro dos elementos a ter en conta é “o carácter popular e participativo desta festa, destacando o traballo, entusiasmo e dedicación de moitos veciños, así como o dobre valor cultural que posúe, por unha parte contribúe a manter a tradición belenista e por outra destaca a vertente formativa amosando oficios xa desaparecidos”.

De igual xeito, Nava Castro resaltou o feito de que Galicia celebre ata mediados de 2015 o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. Precisamente, foi o Santo de Asís o creador da tradición belenística.

Durante a súa visita, a directora destacou tamén os importantes reclamos turísticos que ten o concello de Valga para os viaxeiros, entre os que destaca o feito de que sexa unha das vilas atravesadas polo Camiño Portugués, que percorreron no que vai de ano, preto de 30 mil camiñantes e que é, despois do Francés, o máis transitado. Máis do 13% dos peregrinos escollen esta ruta para vivir a experiencia xacobea. Ata o día de hoxe, a cifra de peregrinos medrou máis dun 15% a respecto dos recibidos a través desta ruta no mesmo período do ano pasado.

Outras festas de Interese Turístico

O Consello da Xunta aprobou tamén a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Anguía e a Mostra da Caña do País de Valga, que cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.

A Festa da Anguía, en Valga, celébrase desde o ano 1989, e xa no 1991 incorporouse a esta celebración a Mostra da Caña do País. A Festa da Anguía tense convertido nun gran referente da gastronomía galega, ao que se sumou o atractivo da augardente, produto típico da zona. Este ano chega á súa edición número XXIII con múltiples actividades que complementan as degustacións gastronómicas, como un concurso con degustacións de caña.

12 de decembro de 2013 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.