publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

María Manuela e María Xesús Díaz inauguran a exposición “Nó-las dúas” en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaBrión
A-
A+

A espontaneidade de María Manuela e a improvisación de María Xesús Díaz uniranse a partir deste venres 13 de decembro na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión, que acollerá a mostra de pintura “Nó-las dúas”. Unha exposición que será inaugurada ás 20:30 horas polo alcalde brionés, Xosé Luís García, e que poderá visitarse ata o vindeiro 10 de xaneiro.

“Nó-las dúas” é unha selección de acuarelas e acrílicos que se complementan, unha xuntanza de amigas e artistas que ten como resultado unha mostra na que ambos estilos harmonizan á perfección e na que o visitante poderá contemplar unha selección de pezas elaboradas expresamente para esta exposición en Brión. Un Brión que supuxo para elas un punto de encontro, xa que teñen coincidido en máis dunha ocasión nos Encontros coa Arte, que cada verán organiza o Concello brionés e que lles serviron para intercambiar experiencias e coñecementos artísticos.

María Manuela é unha cantante e pintora ferrolá. Como cantante ten publicado máis dunha ducia de discos tanto en solitario como en dúo co seu esposo, ata a súa morte en 1998. Como pintora  ten tamén unha longa carreira de creación colorista e expresionista, cunha preferencia pola pintura ao óleo e ao debuxo. Membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos, ten exposto en numerosas salas de exposición de Galicia, España e Europa.

Pola súa banda, a coruñesa María Xesús Díaz ten tamén unha longa traxectoria pictórica. Tras unha primeira época de tendencias naif e colores vivos durante os anos noventa, María Xesús Díaz foise adentrando nunha nova paisaxe realista con tintes impresionistas coas que ten realizado múltiples exposicións por Galicia. Coa chegada do novo século, a artista dá o salto fóra de Galicia cunha obra onde a cor prevalece máis sobre o debuxo e onde o impresionismo se fai cada vez máis patente.

Tras a inauguración terá lugar unha actuación musical a cargo de María Manuela, que estará acompañada por Nuria Lestegás (voz e violín), Manolo Dopico (voz e guitarra) e Xurxo Varela (viola). A entrada é totalmente libre e de balde.

10 de decembro de 2013 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.