publicidade hoxe

Inícianse as obras de mellora e rehabilitación do firme do enlace de Arneiro, en Cospeito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciou as obras de mellora do enlace de Arneiro, que conecta a estrada LU-120 coa LU-113 dentro da parroquia de Arneiro (Cospeito).

En total, o departamento autonómico da Xunta de Galicia achega máis de 240.000 euros (241.658 euros) para estes traballos, segundo expuxo a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. A actuación permitirá modernizar esta conexión de dúas estradas que vertebran boa parte da zona central da provincia entre as comarcas da Terra Chá e a de Meira.

“Os traballos, que foran demandados tanto polo Concello de Cospeito como polos propios veciños da zona, servirán para mellorar a plataforma da vía e incrementar a seguridade viaria da estrada”, indicou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

A actuación, que se estenderá ata os primeiros meses do vindeiro ano 2014, afectará a un tramo que supera o medio quilómetro de distancia. En concreto, as tarefas desenvolveranse ao longo das próximas semanas no espazo comprendido entre os puntos quilométricos 14,300 e 14,813 da estrada LU-120.

“Deste xeito, coas obras que se están a desenvolver beneficiaranse directamente aos máis de 30.000 habitantes dos concellos da Terra Chá (Vilalba, Cospeito, Castro de Rei e Abadín) e da comarca de Meira (Meira) que conectan estas vías”, segundo indicou a representante do Executivo galego.

Mediante este proxecto procederase á rehabilitación do firme e das marcas viais da devandita estrada no tramo referido, actuando directamente neste nó de enlace da LU-120 coa LU-113, o coñecido como cruce de Arneiro, unha zona na que polo estado defectuoso do firme nalgúns puntos resulta recomendable a modernización do pavimento, igualando así o nivel de calidade da capa de rodadura co resto da estrada.

Os traballos consistirán na rehabilitación estrutural do firme nos carrís de circulación na totalidade do tramo, mediante fresados do firme existente e posterior reposición de dito firme mediante formigón bituminoso en quente. Unha vez realizada esta rehabilitación dotarase ese treito dunha nova capa de rodadura de altas prestacións mediante a extensión dunha mezcla bituminosa en quente de tipo discontinua para proporcionar unha óptima adherencia.

Así mesmo dentro desta actuación executaranse tamén medidas de mellora da seguridade viaria, con repintado das marcas viais horizontais.

12 de decembro de 2013 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.