publicidade hoxe

Finalizan os traballos da nova depuradora do polígono industrial da Freixeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal Portada
A-
A+
Cores Tourís na visita á depuradora da Freixeira

Cores Tourís na visita á depuradora da Freixeira

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o remate das obras da nova depuradora do polígono industrial da Freixeira en Forcarei acompañado pola alcaldesa do municipio, Belén Cachafeiro, e o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

O concello de Forcarei foi un dos beneficiarios das axudas concedidas pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro da Orde do 2 de maio deste ano que ten, como obxectivo, a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

En concreto, no caso do polígono da Freixeira, destináronse 133.387,39 euros (85.367,93 dos cales foron achegados pola Consellería de Economía e Industria, é dicir, o 80%) á posta en marcha dun sistema de depuración consistente nunha planta depuradora compacta, de corpo único, cun bombeo de cabeceira para a entrada de augas residuais..

Segundo explicou a propia rexedora, a planta permitirá unha depuración de 25 metros cúbicos ao día. “Trátase dun sistema de depuración biolóxico, aerobio, de aireación prolongada e recirculación de fungos activos. Deste xeito, desinfecta por ionización”, engadiu Cachafeiro.

O polígono da Freixeira conta con 8 empresas e unha superficie de case 70.000 metros cadrados. As obras da nova EDAR deste parque acaban de rematar, como puido comprobar o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

De feito, Cores Tourís aproveitou para destacar que “nos parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial van aparecendo, como neste caso de Forcarei, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores”. Esta é a razón pola que a instalación da EDAR na Freixeira “permitirá dar unha solución as empresas asentadas na zona e atraer novas firmas interesadas en instalarse neste polígono”.

Cores Tourís rematou asegurando que o investimento destinado a proxectos para a habilitación e melloras de parques empresarias da provincia superou o 1,2 millóns de euros (4,3 millóns para toda a comunidade autónoma) dos que 837.000 euros serán achegados en concepto de axuda pola Xunta de Galicia, “é dicir, o 80% do total”, explicou Cores Tourís.

17 de decembro de 2013 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.