publicidade hoxe

Finalizan as obras na rúa Ramón González de Ribadeo nas que Industria investiu 83.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sinalou hoxe que a Xunta de Galicia financiou con máis de 83.000 euros as obras de mellora da rúa Ramón González de Ribadeo, unhas obras que veñen de rematar esta mesma semana.

O proxecto da Rúa Ramón González permitiu modernizar esta zona mediante un investimento total de 110.846 euros, dos que a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, subvencionou a meirande parte, o 75%, aportando un total de 83.134,81 euros, sufragando a parte restante o propio Concello de Ribadeo.

As obras supuxeron unha mellora das condicións funcionais e estéticas da zona. Deste modo, entre outras actuacións, procedeuse á remodelación de beirarrúas, ampliándoas nalgún tramo e a remodelación de zonas de aparcamento, situándoas todas ao mesmo nivel para cumprir coas normativas vixentes de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Así mesmo, dispúxose a colocación dun novo mobiliario urbano e a plantación dun novo arborado, homoxeneizándoa neste sentido coas especies existentes na actualidade na avenida de Galicia. Por último, a actuación tamén permitiu a instalación de novas redes de canalizacións.

“Deste xeito, permítese a habilitación de zonas peatonais mellor delimitadas e cun mobiliario máis moderno, facilitando un tráfico en mellores condicións que as actuais”, resumiu a delegada territorial.

Esta actuación posúe “un valor moi importante para o desenvolvemento do comercio de proximidade da localidade”, indicou Arias. De feito, a rúa Ramón González concentra boa parte da circulación comercial desta vila, xunto coa zona das catro rúas (Rodríguez Murias, Viejo Pancho, Villafranca del Bierzo e Reinante), o parque de San Francisco e a área do mercado.

Raquel Arias fixo referencia ao importante esforzo que realiza a Xunta para revitalizar o comercio, “un dos principais activos no desenvolvemento das vilas e, en xeral, un importante puntal da economía galega”. O comercio “dinamiza a economía local ao tempo que actúa como unha rede que vertebra o progreso de toda a nosa comunidade”, considerou Arias.

A delegada subliñou tamén que esta actuación representa “unha proba máis da sensibilidade e do compromiso” da Xunta de Galicia cos veciños de Ribadeo e da Mariña en xeral.

Así, segundo expuxo Arias, esta obra da rúa Ramón González súmase a proxectos como os das minidepuradoras das parroquias de Reme e Porto, o mantemento da EDAR do municipio, a execución do novo instituto da localidade e as melloras noutros centros educativos da vila, así como a modernización do peirao de Ribadeo e do seu entorno, exemplos “todos eles do apoio e da colaboración do Executivo galego en favor do desenvolvemento dos ribadenses e do seu municipio”.
 

18 de decembro de 2013 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.