publicidade hoxe

“Enredando, artesanía na escola” leva aos escolares de Tordoia e Frades os oficios artesanais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFradesTordoia
A-
A+

O CPI Pecalama, en Tordoia (A Coruña), e o CPI Ponte Carreira, en Frades (A Coruña), acollen hoxe o proxecto Enredando, artesanía na escola, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño co fin de achegar aos estudantes o traballo dos profesionais da artesanía galega.

O proxecto permite ao alumnado coñecer de preto as tarefas diarias do sector artesán a través da organización de demostracións nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas educativos.

Os obxectivos principais desta actividade son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlles aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; incidindo así na remuda  xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Enredando, artesanía na escola é un proxecto enfocado a educación infantil, primaria e secundaria de diferentes colexios da nosa comunidade. Ao longo do curso 2013/2014 preséntase a segunda fase da unidade didáctica O Gremio da seda, orientada a explicar, dun xeito práctico, como é o proceso de obtención da seda.

O alumnado pode coñecer e participar no proceso de produción da seda, dende a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío e a elaboración das teas empregando os teares. A execución do proxecto conta coa supervisión dun artesán.

O próximo día 13 de xaneiro os centros educativos CEIP Mesón do Vento, no Concello de Ordes, e o CPI Viaño Pequeno, no Concello de Trazo, serán os seguintes en acoller esta iniciativa didáctica, que o luns pasado se desenvolveu no CPI O Cruce, en Cerceda.

16 de decembro de 2013 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.