publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Dous imputados como presuntos autores de incendios forestais en Poio e As Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocal PortadaPoioPortada dereitaSucesos
A-
A+

A Policía Autonómica vén de informar da imputación de dous homes como presuntos autores de outros tantos incendios forestais ocorridos nos concellos de Poio e As Neves, ambos na provincia de Pontevedra.

Axentes da Xefatura Territorial da Policía Autonómica en Pontevedra, en colaboración con axentes da Brigada de Investigación de Incendios Forestais do Distrito XIX, procederon a imputar a un home como presunto autor dun incendio forestal no termo municipal de Poio. O lume ocorreu o pasado día 29 de novembro, a raíz dun escape dunha queima na que non se adoptaron as medidas de prevención necesarias. Froito da imprudencia, as lapas arrasaron 1.500 metros cadrados de superficie e para a súa extinción foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta. Os axentes abriron dilixencias, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.

Doutra banda, policías do equipo de investigación de Incendios Forestais da Xefatura Local de Vigo, imputaron a outro home como presunto autor dun incendio forestal ocorrido nas Neves, o pasado 26 de novembro. Neste caso o lume arrasou 1.400 metros cadrados de monte, na súa meirande parte arborado. As dilixencias do suceso foron elevadas ao Xulgado de Instrución nº 1 de Ponteareas.

No que vai de ano, un total de 111 persoas foron detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais en Galicia.

3 de decembro de 2013 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.