publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen aos presuntos autores de incendios forestais en Val do Dubra, Sanxenxo, Boborás e Ares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresBoborásLocal PortadaPortada dereitaSanxenxoSucesosVal do Dubra
A-
A+

A Policía Autonómica vén de informar da detención de catro persoas como presuntas autoras de incendios forestais nos concellos de Val do Dubra, Sanxenxo, O Carballiño e Ares.

No primeiro caso, membros da Policía Autonómica de Santiago procederon á imputación dun veciño de Val do Dubra como presunto autor dun incendio forestal o pasado 11 de decembro na parroquia de Arabexo, que afectou a 2.000 metros cadrados de monte arborado e 4.000 de raso.

As lapas orixináronse como consecuencia do escape dunha queima para a que non contaban coa pertinente autorización nin se adoptaron as medidas básicas de seguridade. Por estes feitos, tramitáronse as correspondentes dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Negreira.

Sanxenxo

Pola súa banda, axentes da Autonómica en Pontevedra procederon á detención dun veciño de Sanxenxo ao que se lle atribúe un incendio forestal imprudente producido na parroquia de Padriñán. O lume afectou a 2.000 metros cadrados de superficie arborada, non sendo maior pola rápida actuación do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de garda de Cambados.

Boborás

Os xentes da Xefatura Provincial de Ourense anunciaron hoxe tamén a imputación dun veciño do Carballiño como presunto autor dun incendio no concello de Boborás (Ourense) que afectou a 7.000 metros cadrados de superficie rasa.

O lume produciuse o pasado mércores, 11 de decembro, a consecuencia dunha queima que se descontrolou polo forte vento e por non tomar as medidas de seguridade pertinentes nestes casos. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de garda do Carballiño.

Ares

Por último, a Policía Autonómica da Coruña imputou a un veciño de Chanteiro, en Ares, como presunto autor dun incendio forestal o pasado día 9 de decembro no dito concello. O lume, que foi a consecuencia dun escape de queima ilegal, afectou a unha superficie de 300 metros cadrados de monte raso. As lapas propagáronse a unha finca colindante, polo que foi necesaria a actuación do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda en Ferrol.

Con estas catro, xa son 118 as persoas detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais en Galicia.

17 de decembro de 2013 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.