publicidade hoxe

Clausúrase en Curtis a mostra ‘Querido Balbino’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Clausura da mostra

Clausura da mostra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe no IES de Curtis a mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que fixo parada nesta localidade no marco da itinerancia que está a ter en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

No acto de clausura participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado polo escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas. Pechouse cunha charla-coloquio con escolares do IES de Curtis, no que participaron activamente máis dun cento de estudantes de ESO e de bacharelato, que incluíu lecturas arredor de diferentes obras de Neira Vilas e no que tamén se presentou unha exposición escolar sobre “Memorias dun neno labrego” feita polo alumnado. O acto contou coa asistencia do rexedor municipal, Javier Francisco Caínzos, e do director do centro.

Contidos da exposición

“Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia “Memorias dun neno labrego” -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén doce obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de “Memorias dun neno labrego”, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a “Carta a Balbino” que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Medio século de ‘Memorias dun neno labrego’

No 2011 fixo 50 anos desde a primeira publicación de “Memorias dun neno labrego” (Bos Aires, 1961), a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas. Mostra disto é que na actualidade estea dispoñible en 17 idiomas e preparándose a edición en xaponés. Entre as adaptacións teatrais que se teñen feito dela destaca unha representación en México, na península de Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou coma un neno indio.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

Tras o seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades pertencentes á RDL como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume, Zas, Castrelo de Miño, Santiago de Compostela, Silleda, Cerceda, Boqueixón, Carral e Curtis, a mostra fará parada a partir de mañá no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a obra que xa é un dos piares da literatura galega contemporánea.

9 de decembro de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.