Catoira, Pontecesures e Caldas de Reis perciben unha achega de 40.000 euros para prevención de drogodependencias
A agrupación de concellos formada por Catoira, Pontecesures e Caldas de Reis acaba de conseguir unha subvención de 39.842,80 euros da Consellería de Sanidade para o financiamento de accións orientadas á prevención de drogodependencias. Os representantes dos tres municipios, que se reuniron o venres en Catoira, valoraron positivamente a asignación, xa que o seu proxecto recibiu a terceira mellor puntuación de tódolos concellos e agrupacións de Galicia que optaban a estas axudas, obtendo o total do importe solicitado.
A subvención concedida estará destinada a sufragar os gastos derivados das diferentes actividades de prevención de drogodependencias e condutas aditivas que se veñen desenvolvendo durante o ano 2013 e ata marzo de 2014.
Cando en 2012 a Xunta de Galicia deixou de subvencionar as actividades que viña programando a agrupación integrada por Catoira, Valga, Pontecesures, Padrón, Rois e Dodro, os concellos de Catoira e Pontecesures foron os únicos que continuaron prestando este servizo con financiamento propio.