publicidade hoxe

Área Santiago encara o 2014 co obxectivo de crear novos produtos turísticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA EstradaAmesArzúaBoqueixónBriónLalínLocal PortadaMelideO PinoOrosoPadrónPontevedraRoisSantiago de CompostelaSilledaTeoTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+
Reunión dos representante municipais de Área Santiago

Reunión dos representante municipais de Área Santiago

O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu no Auditorio de Galicia a xuntanza de alcaldes da Área Santiago. Na reunión fíxose balance do realizado ao longo de 2013 e formuláronse as principais liñas de traballo para o novo exercicio, no que Área Santiago se constituirá como agrupación e no que se prevé crear novos produtos turísticos. Ángel Currás valorou o traballo realizado no último ano por Área Santiago, “logrando todos os obxectivos propostos no seu momento”. Neste sentido, dixo, seguirase traballando en 2014 para lograr a dinamización turística dos 19 concellos que integran o grupo e alongar a estanza media dos visitantes que chegan a Santiago, ofrecéndolles unha ampla oferta de natureza, patrimonio, gastronomía ou lecer alternativo.

Un dos obxectivos para este 2014 será asinar o convenio polo que se acorde finalmente a forma xurídica pola que opta o grupo para, por exemplo, acceder ás subvencións que poidan outorgar a Axencia Galega de Turismo ou as deputacións da Coruña e de Pontevedra. A fórmula elixida é a de agrupación.

Segundo explicou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, tamén se recollerá o sistema “máis equitativo e xusto” para realizar as achegas propias ao funcionamento do grupo. Así, a cantidade que corresponderá a cada un dos 19 concellos dependerá de catro variables: territorio, poboación, recursos turísticos e orzamento municipal. A xestión corresponderá a Santiago a través de Incolsa.

A propósito do traballo realizado en 2013, a edil destacou a creación da aplicación telefónica, xa en marcha, ou da páxina web, que en breve estará dispoñible. Tamén se está traballando nun mapa de recursos turísticos de Área Santiago, que estará listo para Fitur. Na reunión tamén se perfilaron os últimos detalles sobre a presenza conxunta nesta feira turística, que se desenvolverá en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro.

Para 2014, ademais da formalización do convenio e da constitución como agrupación, está previsto o desenvolvemento de accións promocionais concretas. Entre elas, Reyes Leis citou a creación de produtos turísticos específicos, para o cal se pretende incluír os establecemento hostaleiros dos 19 concellos na Central de Reservas.

17 de decembro de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.