publicidade hoxe

Abegondo presenta uns orzamentos que medran nun 7% e duplican os investimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

A pesar da conxuntura económica actual, o Concello de Abegondo logra presentar uns orzamentos municipais para o exercicio 2014 cun importante crecemento con respecto a 2013. O goberno local levará a pleno o xoves un orzamento de 3,55 millóns de euros, un 7% superiores aos aprobados neste ano.

Este crecemento é conseguido sobre todo pola subida nos ingresos que percibirá o Concello. Nótase sobre todo nas transferencias correntes e de capital que proceden das outras administracións. Tamén se incrementa lixeiramente a recadación de impostos e no apartado doutros ingresos sitúase a execución do plan urbanístico de San Marcos que contempla o Plan Xeral.

A política de austeridade e contención do gasto tamén ten os seus resultados para que Abegondo poida contar en 2014 con este panorama de crecemento. Os gastos de persoal conxeláronse e o goberno local consegue unha redución de 180.000 euros no gasto corrente. A decisión tomada este ano polo alcalde, José Antonio Santiso, de amortizar o conxunto do crédito bancario que dispuña o Concello permite tamén a baixada dos gastos financeiros. O rexedor avanza que “a boa saúde das contas municipais permitiranos levar a cabo todos os compromisos e os investimentos sen recorrer a operacións de endebedamento”. Así, o aumento de ingresos e a redución dalgúns gastos permiten ao equipo de goberno programar un ambicioso plan de investimentos, de 767.000 euros, o que supón un 21% dos orzamentos, porcentaxe moi pouca común no panorama actual das administracións municipais. Esta contía crece un 91% con respecto a 2013, é dicir, case se duplica. Dentro deste apartado de investimentos, cabe destacar as seguintes:

· Primeira fase do desenvolvemento do plan especial de San Marcos. Trátase de unha das unidades de execución que contempla a PXOM. Servirá para que a capital municipal conte con novos accesos á principal zona de equipamentos de Abegondo, que concentra centro de saúde, colexio, polideportivo, aula lúdica, piscina e campo da feira. Será asumida polos propietarios das parcelas.

· Ampliación das áreas de lecer do municipio. O parque fluvial de Beche contará cun “pitch and putt” de golf, con tres hoyos, completando a súa oferta deportiva. Tamén se crearán zonas de sombra nas mesas da área. En Sarandós, o Concello comprará terreos e construirá unha nova área recreativa, dando resposta ás necesidades dos veciños da parroquia.

· Primeira fase da unificación da iluminación pública. Abegondo se atopa inmerso nun plan para mellorar a eficiencia da iluminación pública e promover o aforro. levará a cabo unha primeira fase da actuación.

· Mellora e ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga. Entre outras, incluirá a instalación dun bombeo no núcleo de Seixurra, a pé do encoro de Abegondo – Cecebre.

· Dotación de céspede artificial no campo de fútbol de Mabegondo

· Arranxo do tellado da Casa do Concello

· Plan de Obras e Servizos: obras para a mellora da seguridade viaria

Incremento das bolsas educativas

Santiso apunta ademais que a situación económica permite ampliar os fondos municipais dedicados á educación. O banco de libros municipal verá duplicada o seu investimento, unha medida para apoiar ás familias no importante montante de gastos que supón o inicio do curso escolar. As bolsas para os abegondeses que cursan algunha etapa educativa reforzaranse incrementando as axudas para os universitarios. Tamén se crea unha nova modalidade de axuda para acceder á Aula Mentor. En total, o investimento no banco de libros e nas bolsas alcanzará os 50.000 euros este ano. O alcalde destaca que esta proposta de orzamentos está enfocada “cara ao benestar do cidadán”. Con ela quere garantir o acceso á educación e o funcionamento dos servizos sociais para todos os veciños que o requiren. Cos investimentos, o Concello levará a cabo tanto melloras nas infraestruturas básicas como dará resposta a necesidades trasladadas polos veciños.

23 de decembro de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.