publicidade hoxe

A vicepresidencia da Xunta entrará a formar parte do padroado da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPonteceso
A-
A+
Rueda no aniversario da Fundación

Rueda no aniversario da Fundación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá á conmemoración do V aniversario da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, onde anunciou que o Goberno galego, a través da Vicepresidencia, entrará a formar parte do seu Padroado.

Rueda estivo acompañado da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do presidente da Fundación e alcalde de Ponteceso, José Luís Fondo Aguiar. Explicou que coa integración da Xunta na Fundación “péchase un círculo” iniciado fai máis dun século por varios precursores da defensa da cultura e a identidade galegas, como foron o propio Pondal, autor do himno, ou Rosalía de Castro, cuxo ‘Cantares Gallegos’ celebra o seu 150 aniversario.

Neste sentido, destacou que tras moitos anos de traballo, hoxe existe un Goberno galego que institucionaliza e defende os símbolos e a identidade de Galicia, a través da súa bandeira, o seu himno e a súa lingua. Ademais, tamén existe en Galicia un tecido asociativo -representado por Fundacións como a Pondal de Ponteceso- que fan unha labor inestimable na difusión e na defensa do legado cultural galego.

Por último, Rueda quixo salientar que como consecuencia de todo isto hoxe hai un auténtico “pobo galego”, que ten conciencia de selo e que se involucra nas actividades que celebran a súa identidade e a súa cultura. “Esta Fundación e o arraigo que ten nas xentes de Ponteceso é un exemplo perfecto disto: de que hai galegos conscientes e orgullosos do seu pasado, involucrados no seu presente e traballando polo futuro”, concluíu o vicepresidente.

19 de decembro de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.