publicidade hoxe

A renovación do sistema de saneamento en Castro de Rei permitirá asumir a próxima posta en marcha do Centro de Día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de investir 204.200 euros na renovación do sistema de saneamento e depuración de Castro de Rei, ampliando ademais a rede -tanto en extensión como en capacidade- en atención á próxima posta en marcha dun centro de día nesa localidade.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe as obras con motivo da sinatura da acta de recepción e subliñou “o compromiso da Xunta de Galicia para modernizar e estender as infraestruturas básicas a todos os núcleos de poboación, propiciando o asentamento de actividades económicas e incrementando a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Arias supervisou os traballos realizados, que consistiron na construción da rede de recollida e condución de augas residuais e dunha depuradora con capacidade para unha poboación equivalente de 500 persoas, así como na execución de beirarrúas na marxe pola que discorre o colector.

Ademais dos colectores, soterrouse a instalación de subministro eléctrico para o equipamento da nova estación depuradora e levantouse unha edificación de 3,20 por 2,10 metros para albergar o citado equipamento (o cadro eléctrico, o depósito de almacenamento ou a dosificadora de hipoclorito, entre outros). O sistema de depuración é de tipo biolóxico, por oxidación total.

A delegada subliñou o beneficio que este proxecto supón para a calidade medioambiental do municipio, dado que o actual sistema estaba saturado e como consecuencia realizaba unha depuración insuficiente das augas residuais que se vertían ao río Torneiros.

Arias apuntou que as actuacións hidráulicas serán unha das prioridades da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas durante o vindeiro ano e así se reflicte nos orzamentos, que prevén mobilizar máis de 180 millóns de euros para este tipo de proxectos.

En concreto, farase especial énfase nas obras de saneamento “tanto para a mellora das augas das rías como da calidade dos ríos”, segundo afirmou, ao tempo que se seguen desenvolvendo as actuacións de abastecemento recollidas na planificación hidrolóxica e no Plan Auga.

Durante a visita ao núcleo de Castro de Rei, a delegada estivo acompañada polo alcalde, Francisco Balado, e por técnicos de Augas de Galicia, organismo dependente da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

17 de decembro de 2013 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.