publicidade hoxe

A mancomunidade de Ferrol traballa nun plan de xestión integral para establecer medidas de sensibilización e redución do abandono de animais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresAs SomozasCedeiraFeneFerrolMoecheMugardosNarónNedaSan SadurniñoValdoviño
A-
A+

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, acompañado doutros rexedores, visitou esta mañá as instalacións do refuxio de animais de Mougá para comprobar o funcionamento deste servizo de lacería. Este servizo mancomunado de recollida de animais domésticos abandonados entrou en funcionamento o pasado 4 de xullo para dar resposta ás necesidades dos concellos da Comarca de Ferrol ante a grave e difícil problemática do abandono animal.

As instalacións rexistraron, dende a súa entrada en funcionamento, un total de 380 entradas de animais -264 cans, 111 gatos, 3 cabalos e 2 animais doutras especies-, 111 adopcións, 79 recollidas dos seus propietarios e 14 liberacións en colonias felinas. Os datos supoñen un éxito para o centro, xa que representa a viabilidade do mesmo, mantendo a súa política contraria á eutanasia e de localización de propietarios e adopcións de cans abandonados. Estes bos resultados en canto xestión e benestar dos animais recollidos, contrastan coas cifras de abandono nos seis primeiros meses de funcionamento deste servizo mancomunado que amosan que na nosa comarca son abandonados unha media de 4,5 animais cada mil habitantes por ano, o que supón unha das medias de deixamento máis altas do país. Os responsables do Refuxio de Mougá tamén puideron constatar condutas irresponsables e diferentes situacións de maltrato sobre os animais domésticos, casos que son perseguidos e denunciados polo centro.

Rey Varela sinalou que as instalacións foron melloradas cun servizo técnico “baseado no coidado dos animais e no fomento a adopción”. O rexedor municipal tamén destacou que a ocupación actual do Refuxio de Mougá é de 150 animais e o número de adopcións ata o momento de 111. “Os datos de adopcións son positivos e pedimos dende a Mancomunidade o respecto aos animais, que non se incorran en abandonos e se incentive a adopción xa que despois de pasar por estas instalacións están en perfectas condicións para elo” engadiu o alcalde ferrolán. Ademais, o Concello de Ferrol acaba de conceder a licenza municipal para a execución das obras de mellora e ampliación do centro, e que asumirá a empresa xestora para a creación de novas zonas de cuarentena.

Plan de xestión integral

Debido a esta problemática, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol tratar de abordala cun enfoque máis activo, a través de medidas comúns que sensibilicen a poboación, reduzan o abandono e estimulen o respecto cara os animais domésticos, dun xeito sostible que reporte maiores beneficios e menos custes para o cidadán. Neste senso, o organismo supramunicipal está a traballar na elaboración dun plan de xestión integral que establecerá unhas pautas comúns de xestión en toda a comarca.

O devandito plan contempla accións a curto, medio ou longo prazo, como son: actividades de educación ambiental nos centros de ensino da comarca; formación de técnicos e axentes locais e técnicos municipais en materia de protección animal e competencias municipais; e intensificación da vixilancia e inspección sobre o rexistro e identificación dos animais domésticos. Así mesmo, estas medidas irán unidas coa denuncia e persecución do abandono e os casos de maltrato animal, a través da presión inspectora e reducindo prazos na tramitación dos expedientes administrativos.

18 de decembro de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.