publicidade hoxe

A gala do deporte de Guitiriz entrega os seus galardóns a Diego Ríos e a Fundación Azkar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

Este pasado venres, o Restaurante La Casilla de Guitiriz acolleu a celebración da sétima edición da Gala do Deporte de Guitiriz na que se premian aos mellores deportistas da tempada no que significa unha reunión social e deportiva dun Concello que traballa ben co deporte, así as súas Escolas Deportivas reúnen cada ano a máis de 500 deportistas, de todas as idades, entre dez modalidades diferentes, entre as que como é lóxico destaca o fútbol sala.

A esta Gala do Deporte o pasado venres acudiu o técnico do Azkar Lugo FS, Diego Ríos, xa que foi invitado como deportista de élite. E ademais dentro da entrega de premios trala animada cea, Ríos foi homenaxeado pola súa traxectoria, recibindo de mans da Concelleira de Deportes, Ana Broz, un recordo do acto. Diego Ríos dedicou unhas palabras ao público asistente, comentando o gran traballo que fan desde o Concello de Guitiriz a través do deporte e destacou a laboura do seu Técnico de Deportes, Manuel Martínez.

Ademais neste acto tamén estivo presente o Presidente do Azkar Lugo FS e Secretario da Fundación Azkar, Manuel Vázquez, e é que o Concello de Guitiriz tamén quixo agradecer á Fundación a súa laboura. O Concello de Guitiriz e a Fundación Azkar manteñen desde fai anos convenio de colaboración entre ambas entidades e ao longo do ano realizan accións conxuntas. O Alcalde de Guitiriz, Xose María Teixido, entregou a Manuel Vázquez unha placa como recoñecemento e agradecemento.

Tanto Manuel Vázquez como Diego Ríos participaron na entrega dos premios desta Gala do Deporte trala cea á que acudiron máis de 230 persoas e que finalizou co sorteo de agasallos entre todo o público asistente.

2 de decembro de 2013 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.