publicidade hoxe

A execución do saneamento en tres parroquias de Pantón e Courel conta cun investimento de 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLugoPantón
A-
A+
Raquel Arias na visita aos traballos

Raquel Arias na visita aos traballos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a investir 1.198.000 euros na instalación das redes de saneamento en tres parroquias de Pantón e o Courel.

Así o explicou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante a visita ás obras de construción do sistema de saneamento do núcleo de Toiriz, en Pantón, nas que se está a investir 450.689 euros. No mesmo municipio remataron recentemente as obras de saneamento en Eiré. Así mesmo, a semana pasada asinouse a acta de recepción das obras do saneamento de Santa Eufemia, no Courel.

Polo que respecta en concreto ao proxecto de saneamento en Santa María de Toiriz, as obras consistiron na execución dunha rede de colectores e a construción dunha estación depuradora para unha poboación de máis de 220 habitantes.

A rede complétase con preto de 4 quilómetros de colectores, en distintos tramos e cos correspondentes pozos de rexistro. A estación depuradora de augas residuais estará preparada para proceder a un desbaste previo, decantación primaria, tratamento biolóxico e decantación secundaria. Arias subliñou que estes traballos “facilitarán un incremento da calidade ambiental” e apuntou que está previsto que finalicen na próxima primavera.

As obras de Eiré contaron cun orzamento de 335.000 euros e permitiron conectar a depuradora de Eiré co núcleo de O Barrio, zona que non dispoñía de rede de saneamento.

En canto aos traballos realizados en Santa Eufemia, consistiron na construción dunha estación depuradora de augas residuais e a instalación dunha rede de saneamento de 1.700 metros de colectores cos seus correspondentes pozos de rexistro, 230 metros de colectores de augas pluviais e a reposición de 1.010 metros de tuberías de abastecemento,.

As obras hidráulicas solucionaron os problemas de saneamento e abastecemento no núcleo de Santa Eufemia, que carecía de recollida de augas fecais e cuxa recollida de pluviais se facía únicamente no ámbito da estrada LU-651. Supuxeron un investimento de 412.406 euros.

A delegada explicou que se constrúe con vistas á futura ampliación das redes para atender á totalidade da poboación e puxo como exemplo o caso de Toiriz, onde se constrúe unha depuradora para máis de 220 habitantes, o que permitirá acometer as seguintes fases do saneamento na zona aproveitando esta instalación.

Así mesmo, sinalou que estes proxectos reflicten a “sensibilidade amosada pola Xunta de Galicia nestes concellos de Pantón e Folgoso do Courel e, en definitiva, coa zona sur en xeral” e son boa proba “do firme compromiso que o Executivo galego ten co saneamento dos nosos concellos, para contar cun bo estado ambiental das súas augas”.

9 de decembro de 2013 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.