publicidade hoxe

Vimianzo convoca axudas para o inicio do curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

Desde o 14 de decembro ata o 3 de decembro está aberto o prazo para solicitar axudas no concello de Vimianzo. Trátase de dúas convocatorias públicas de axudas, unha para  o inicio do curso escolar e outra por nacemento de fillo ou filla, adopción ou acollemento durante o ano 2013. Ambas as dúas axudas foron posibles grazas a unha boa xestión económica que permitiu un aforro na Área de Benestar Social e fixo posible sacar adiante estas dúas iniciativas. Non poden ser tan ambiciosas como nun primeiro momento se pretendían desde o goberno debido á negativa de sete concelleiros da oposición a aceptar a proposta levada a pleno, pero permitirá unha pequena axuda para contribuír a paliar os efectos da crise e as diferenzas sociais das familias con menos recursos e evitando o risco de exclusión social. Nas dúas convocatorias terase en conta, por tanto, que a renda per cápita familiar estea por debaixo do IPREM (Indicador publico de Renda de Efectos Múltiples), asegurando deste xeito que reciban a axuda as familias que máis o necesiten.

Cun crédito máximo de 12.000,€ convócanse as axudas para o inicio de curso escolar. Os beneficiarios desta convocatoria serán os nenos e nenas que estean cursando neste ano 2013 os seus estudos no segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria nun centro de ensino público, debendo estar empadroados no concello de Vimianzo con data anterior ao 1 de setembro de 2013. Estas axudas poderán destinarse á adquisición de libros de texto, material escolar, así como roupa e calzado, debendo estar realizado o gasto despois do 1 de xullo, garantindo deste xeito que se aplique ao actual curso escolar.

Na convocatoria de axudas por nacemento de fillo ou filla, adopción ou acollemento durante o 2013 aprobouse un crédito máximo de 4.000,€ que suporá unha pequena axuda para afrontar os gastos que supón a chegada dun novo membro á familia, tratando de incentivar o asentamento da poboación no noso concello nun ciclo de caída poboacional.

Os solicitantes e os nenos ou nenas beneficiarias deben estar empadroadas no concello de Vimianzo con data anterior ao 1 de setembro. As familias solicitantes deberán destinar o obxecto da subvención ao beneficio do neno ou nena, é dicir, investir o orzamento en cueiros, lácteos infantís, roupa, calzado, produtos de hixiene infantil, medicamentos ou outro tipo de produtos receitados por un facultativo de pediatría, tendo que estar este gasto realizado durante o ano 2013.

As persoas interesadas en solicitar estas axudas poderán consultar as bases na web do concello www.vimianzo.es e descargar os formularios de solicitude ou achegarse pola Área de Benestar Social  na Casa do Concello. 

13 de novembro de 2013 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.