publicidade hoxe

Vilaboa celebra o popular magosto de San Martiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilaboa
A-
A+

O vindeiro luns 11 de novembro celébrase en moitos concellos de Galicia a festividade de San Martiño, e en Vilaboa no vai ser menos, tendo en conta que este é o patrón do concello e que ese é un día festivo na localidade.

Desde fai anos, celébrase un tradicional magosto popular na parroquia de Vilaboa, e este ano non vai ser menos. É tradición que esta festividade sexa organizada por unha comisión de festas, contando sempre coa colaboración do concello, pero este ano ao non haber constituída ningunha comisión, a organización de dito magosto corre a conta do Concello, concretamente da Concellería de Cultura, a cal tivo que suplir a falta de iniciativa voluntaria para que non se deixase de celebrar este magosto popular.

“O día de San Martiño é un día festivo no noso concello e xa é unha tradición a celebración do magosto popular, polo que consideramos que non se pode deixar de celebrar dito acontecemento e por iso o concello organiza o magosto, para non deixar perder as nosas tradicións populares. Desde aquí tamén queremos agradecer a colaboración da Comunidade de Montes de Vilaboa para poder levar a cabo esta actividade”, declarou Tomás Boullosa, concelleiro de Cultura e Mocidade do Concello de Vilaboa.

Como ven sendo tradición celebrarase o magosto popular a partir das 18h no recinto de festas de Vilaboa, no Toural, e como moi ben reflexa o refraneiro galego, as castañas irán acompañadas pola proba do viño novo. O día de san Martiño é o intre exacto de probar o viño, non antes nin máis tarde. No calendario tradicional é o momento en que comeza o inverno e o corpo agradece unha bebida que o quente un pouco, e que mellor maneira que acompañado dunhas boas castañas e amenizado cunha boa música e compañía.

O magosto comezará a partir das 18h e os presentes poderán saborear as castañas e beber bo viño. Haberá carpa e bar e os asistentes poderán contar coa actuación dos grupos do concello, Banda de Gaitas de la Asoc. Cultural de Cobres, Grupo de baile de nenos de Vilaboa e a charanga Airiños da Fracha.

“Queremos convidar a todos os veciños de Vilaboa, grandes e pequenos, a desfrutar dun día en familia e en veciñanza, celebrando a festividade do noso patrón. E tamén convidar a todos os habitantes dos concellos veciños a que veñan a celebrar conosco este día. Como moi ben di o noso refraneiro galego, Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño”, afirmou Boullosa.

8 de novembro de 2013 | 10:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.