publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha masterclass de cociña gratuíta sobre a raza cachena nas Nogais impulsa o consumo de produtos autóctonos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NogaisLugo
A-
A+

A Deputación leva este mércores ó Concello das Nogais, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass gratuíta de cociña autóctona en impulso dos produtos da zona. A xornada desenvolverase no Hotel Urogallo, a partir das 16:30 horas. Os 15 participantes aprenderán a preparar un menú composto por carne de cachena procedente da Granxa San Breixo de recoñecido prestixio.

A chef local Carmen Santín amosará ós asistentes como facer un menú propio da Montaña e baseado nos produtos de temporada. Comezarán elaborando un primeiro prato de caldo galego, un segundo cun lombo de cachena ó forno con guarnición e unha sobremesa de torta de noces e queixo da montaña con marmelo caseiro. A carne de tenreira procede das cachenas de San Breixo, empresa que conta co distintivo de calidade LugoSabe. O porco, as verduras e as noces son de produtores da zona e o queixo conta coa Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro.

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación polo medio ambiente, como oportunidade económica para a provincia. Coas masterclass, a institución impulsa os produtos autóctonos, fomentando a súa comercialización en establecementos da provincia, como xeradores de novas oportunidades económicas debido a súa calidade. O organismo provincial xa celebrou clases de cociña autóctona en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro e Viveiro. En todas elas, empregáronse produtos propios de cada zona como, por exemplo, hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros.

A Deputación potencia, ademais, os produtos autóctonos coas marcas de calidade LugoSabe que posúen 115 produtores lucenses que comercializan máis de 400 produtos, ou coa primeira plataforma de comercio electrónico da provincia, www.losprodutosdelugo.com, na que se venden mediante Internet 250 alimentos de calidade, como aceites, conservas, mel, marmeladas, pan, queixos, viños, licores, embutidos ou mariscos, entre outros.

19 de novembro de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.