publicidade hoxe

Oza-Cesuras percibirá do órgano provincial unha achega de máis de 430.000 euros para obras no novo concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
A Deputación da Coruña celebrou esta mañá o pleno ordinario do mes de novembro, unha sesión que serviu, ademais de para a aprobación inicial dos orzamentos, para dar luz verde a diversos convenios de colaboración con concellos da provincia. 

Neste apartado, destacan os acordos que a institución provincial asinará co Concello de Oza-Cesuras, por importe de máis de 430.000 euros e que confirman que se mantén o compromiso reiterado polo presidente provincial, Diego Calvo, de colaborar cos municipios que decidan iniciar procesos de fusión voluntaria para garantir a prestación de servizos aos seus veciños.

O primeiro destes acordos ten coma obxectivo a mellora da antiga escola unitaria de Filgueira de Traba, obras coas que se acometerá o acondicionamento do centro e a redistribución do interior da planta baixa do edificio para albergar unha vivenda destinada a usos sociais e de emerxencia, xa que na actualidade o Concello non conta con ningún local deste tipo. A institución provincial asumirá o 80% desta actuación, colaborando cun total de 34.371,33 euros.

Tamén foi aprobado o convenio para o acondicionamento do acceso á Aula de Ciencia Divertida e substitución de persianas no CEIP de Bragade. Neste caso, as obras incluirán a realización dun novo acceso e a substitución da entrada para o que a Deputación aportará 12.022,94 euros, o 100% do investimento.

Este centro beneficiarase, ademais, doutro convenio de colaboración para subministro por valor de 17.629,40 euros co que o Concello de Oza-Cesuras poderá comprar mesas, cadeiras, material para laboratorio e outros materiais para a formación dos estudantes.

Outro dos acordos votaron esta mañá por unanimidade suporá unha achega provincial de 20.734,61 euros para as obras de aglomerado asfáltico no núcleo de Trasanquelos, mellorando a vía municipal e formando cunetas e paseos a ambos lados da estrada. Con esta axuda, a Deputación asume o 80% deste proxecto.

De todos os convenios votados, o máis cuantioso é o que recolle un proxecto a realizar en Rilo (parroquia de Santaia de Probaos), que supón a urbanización da marxe dereita da estrada provincial CP0104 e o saneamento dun tramo do marxe esquerdo da vía nas proximidades co cruce que conduce á Barqueira. Para este fin, a institución provincial aportará 185.114,58 euros, o 80% dun orzamento que ascende a 231.393,22 euros.

Outro dos acordos da sesión plenaria de hoxe co Concello de Oza-Cesuras será a pavimentación de pistas deportivas na parroquia de Oza para acabar coas deficiencias no pavimento das instalacións deportivas a través do revestimento do chan e o marcaxe das pistas. A Deputación achegará 77.491,99 euros, o 80% do total.

Por último, tamén se aprobou o proxecto de acondicionamento de camiños ao longo de 6.330 metros das vías municipais de Canaboso a Ramonde, Campo Cuiña a Quintela, Convento a Vilar do Crendes e Rodeiro a Igrexa. Neste caso, a achega provincial tamén cubre o 80% do orzamento e a Deputación investirá 90.828,59 euros.

Orzamentos 2014

Na sesión de hoxe tamén se aprobaron de forma inicial os Orzamentos 2014 cos votos favorables do Partido Popular, a abstención do PSOE e a negativa do BNG.

Para o próximo exercicio, a Deputación da Coruña contará cun montante total de 157.600.560 euros. O documento inclúe unha rebaixa dun millón de euros en gastos de persoal, sendo o peso da partida en todo o documento de 24,26%) e mantén as asignacións para o Plan de Obras e Servizos, o maior dotado de toda a provincia..

Segundo explicou o presidente, a previsión é que o ano que vén haxa a disposición dos concellos un total de 65 millóns de euros, xa que aos plans provinciais incluídos no orzamento hai que engadir a contía doutros 18 millóns de euros que se aprobarán nun novo DTC no mes de decembro.  

Os presupostos do 2014 da Deputación inclúen, ademais, vantaxes nas convocatorias de subvencións para aqueles concellos que entren en proceso de fusión voluntaria ou que comecen proxectos conxuntos ou de cooperación. Outro dos eixes do orzamento será o blindaxe e aumento de recursos destinados aos Servizos Sociais da provincia.

Ademais, ao remate do exercicio do 2014, a situación económica da Deputación da Coruña revelará unha importante mellora tras o terceiro ano consecutivo onde non se acude a ningunha operación de crédito para financiar o orzamento.

Este ano destínanse 16 millóns de euros á amortización de débeda anticipada. En termos relativos, a institución provincial terá a 31 de decembro do 2014 unha débeda do 20%, moi lonxe do máximo do 110% que permite a lei.

Neste senso, o pleno aprobou tamén un modificativo de crédito co que a institución provincial poderá amortizar de forma anticipada créditos por valor de 1,8 millóns de euros deixando nestes momentos a débeda en operacións financeiras da Deputación da Coruña na menor da súa historia, tanto en termos absolutos coma relativos.

Luz verde á ponte da Regada na estrada de Arzúa a Santiso

Outro dos convenios que verán a luz despois da aprobación do seu texto hoxe no pleno será o convenio cos concellos de Arzúa e Santiso para o financiamento das obras da ponte da Regada sobre o río Boente, na estrada de Arzúa a Santiso.

A Deputación achegará 111.111,84 euros, asumindo así o 41,32% do orzamento total previsto para este fin, que se financiará con outra axuda da Consellería de Medio Rural e do Mar (coa mesma achega que a institución provincial) e 23.333,49 euros que aportarán os concellos de Arzúa e Santiso.

Piscina de Arteixo

A sesión plenaria de hoxe tamén serviu para que o Concello de Arteixo poida modificar o obxecto dunha axuda xa outorgada con anterioridade. Trátase da modificación do convenio para as obras de remodelación do polideportivo municipal de Meicende para acometer con esa cantidade a reforma da piscina municipal. Para este novo proxecto, manterase a achega económica xa aprobada con anterioridade, que ascende a 300.000 euros.

Ademais, na orde do día incluíuse a modificación da cesión do uso da parcela do Polígono Industrial de Sabón ao Concello de Arteixo que permitirá destinar ese lugar á piscina e ás súas futuras ampliacións.

22 de novembro de 2013 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.