publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O plan especial de infraestruturas de Cariño para o saneamento de augas residuais non precisa o proceso de avaliación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCariñoGaliciaLocal Portada
A-
A+

O Plan especial de infraestruturas en Cariño para o saneamento de augas residuais avanza na súa tramitación ao non ser necesario o proceso de avaliación ambiental. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo que se da a coñecer esta decisión.

Este plan especial está impulsado pola administración local e ten como obxecto dar unha solución integral para o saneamento das augas residuais na parroquia de Landoi. Para elo, procederase a conectar toda a poboación do ámbito co colector xeral da rede municipal de saneamento que discorre pola parroquia de Feás, no sueste.

A rede proposta discorrerá polas marxes das estradas CP-6118 e CP-6119, así como por distintas pistas municipais, e constará de tres colectores principais con diversos ramais secundarios para dar servizo a todos os núcleos da parroquia, e tres estacións de bombeo.

Efectos ambientais

O proxecto de saneamento recollido neste plan especial cruzará o rego de Landoi, que desemboca na ría de Ortigueira, e o rego de Zarza, polo que o seu desenvolvemento previsiblemente terá efectos ambientais positivos, xa que contribuirá ao cumprimento da lexislación comunitaria e nacional en materia de protección dos recursos hídricos e dos espazos protexidos.

Tendo en conta estas características do plan especial e da área afectada a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, decidiu non sometelo ao procedemento de avaliación ambiental, xa que non se agardan que se produzan efectos no medio negativos significativos.

Planeamento actual

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Cariño aprobouse definitivamente en febreiro do ano 2000, e na actualidade o concello está a elaborar un novo PXOM no que o Goberno autonómico leva concedido axudas por un importe de 108.000 euros.

27 de novembro de 2013 | 10:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.