publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O fondo de compensación ambiental permitirá a Verín e Vilardevós estrear novo alumeado público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVerínVilardevós
A-
A+

A máis de 1.135.000 euros ascende o importe das axudas directas que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedeu este ano a un total de 40 concellos ourensáns en concepto do Fondo de Compensación Ambiental. Con estes fondos as corporacións locais deberán sufragar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso das enerxías renovables ou á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

Verín e Vilardevós son dous dos concellos da provincia ourensá beneficiados con estas subvencións e que presentaron o seu proxecto de forma conxunta. Dado que a subvención concedida a estas localidades é superior a 60.000 euros, con carácter previo á proposta de pagamento é preciso realizar a comprobación material do investimento, tal e como dispón a orde que regula este tipo de axudas.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, desprazouse esta mañá a estes municipios para recepcionar a obra de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública nas zonas de Pazos (Verín) e Vilar de Cervos (Vilardevós).

Os alcaldes destes dous concellos ourensáns acompañaron ao delegado territorial ata as novas instalacións e alí constataron que os traballos se executaron conforme ao proxecto aprobado, cun orzamento total de 99.942 euros, do que a Administración autonómica achega preto de 70.000 euros. Esta actuación executouse ao abeiro da orde do 13 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria de subvencións e os criterios de repartición do Fondo de Compensación Ambiental, dentro da liña de natureza competitiva.

Aforro enerxético e diminución da contaminación

Así, Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concedeulle aos concellos de Verín e Vilardevós esta subvención para unhas actuacións que os dous rexedores xustificaron na necesidade de racionalizar e optimizar o consumo enerxético das instalacións de alumeado público co fin de reducir o consumo eléctrico destas infraestruturas municipais e, por conseguinte, reducir o importe da factura eléctrica.

Ao mesmo tempo con esta obra, que implicou a retirada e tratamento das lámpadas con tecnoloxía de vapor de mercurio, pretendeuse tamén eliminar o risco de contaminación ambiental por mercurio.

Unha vez realizada satisfactoriamente a comprobación material do investimento procedeuse ao acto administrativo de recepción da obra no que Rogelio Martínez e o alcalde de Verín, como representante da agrupación de concellos promotora do proxecto, asinaron a acta de conformidade.

Os Fondos de Compensación Ambiental teñen dúas liñas: A chamada competitiva, á que pertence as obras de Verín e Vilardevós, este ano repartiu 591.061 euros a un total de 23 municipios da provincia de Ourense.

Canto á liña non competitiva, que atinxe aos concellos que soportan instalacións eólicas ou liñas de evacuación, serán 20 os concellos ourensáns beneficiados con 544.251 euros.

22 de novembro de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.