publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O faro de Cabo Ortegal será potenciado como reclamo turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCariñoGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia e Puertos del Estado, a través da Autoridade Portuaria de Ferrol, están a estreitar a súa colaboración para potenciar o cabo Ortegal como reclamo turístico. Deste xeito, a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, acompañou ao presidente do porto, José Manuel Vilariño, na visita ás obras de recuperación da senda peonil e dos accesos ao faro deste enclave, situado no concello de Cariño.

Trátase duns traballos que nestes momentos se atopan na súa recta final e aos que o organismo portuario destina un investimento de 500.000 euros. O proxecto inclúe a construción dun sendeiro peonil ao longo do bordo litoral, para o que se están a utilizar materiais naturais, e a creación dun acceso rodado ata o faro e unha zona de aparcamento, así como o acondicionamento do pavimento no perímetro desta estrutura. Dada a importancia paisaxística desta área, estase a coidar a utilización de materiais respectuosos co contorno e que minimicen o seu impacto sobre o medio ambiente.

Neste senso, Do Campo agradeceu a colaboración da Autoridade Portuaria co Goberno galego para reforzar o atractivo de cabo Ortegal de cara a aumentar o seu número de visitantes, en consonancia coas actuacións da Axencia de Turismo de Galicia, que mantén este punto como un dos eixos do xeodestino Rías Altas-Ferrolterra e como unha das visitas incluídas na Ruta dos Faros. “Cabo Ortegal representa moi ben os obxectivos da Xunta de Galicia na promoción turística, pois móstranos un destino onde a preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial está moi presente, converténdose nun elemento distintivo”, indicou a delegada territorial.

Ruta dos faros

Neste senso, Do Campo aproveitou para facer balance do funcionamento da chamada Ruta dos Faros, unha iniciativa posta en marcha o pasado mes de xuño en virtude dun convenio entre a Xunta e Renfe, que combinou o transporte ferroviario con excursións en microbuses desde os apeadoiros do tren. A longo do verán, 415 viaxeiros utilizaron esta experiencia, situando a ocupación media dos 17 trens que cubriron a ruta ata o mes de outubro nun 84,5%. De feito, a boa marcha da iniciativa desde o seu inicio foi a que levou a estendela a todos os fins de semana, pois ao principio xurdiu como un proxecto de periodicidade quincenal.

“Trátase dun proxecto pioneiro na comunidade e de gran valor diferencial”, manifestou a delegada, quen recordou que a Ruta dos Faros, desenvolvida durante os meses de verán, ofreceu varias posibilidades: o sábado unha ruta longa Ferrol-Ribadeo-Ferrol ou ben a ruta curta, Ferrol-O Barqueiro-Ferrol. O domingo o percorrido longo sería Ribadeo-Cerdido-Ribadeo e o curto Ribadeo-Ortigueira-Ribadeo. Neste senso, a delegada territorial destacou que o 95% dos viaxeiros optaron pola ruta longa.

A Ruta dos Faros permite coñecer enclaves como a Illa de San Vicente, o Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, Santo André de Teixido, o cabo de Estaca de Bares, O Barqueiro, Ribadeo, o faro de Illa Pancha e a praia das Catedrais. Na ruta dispúxose ademais dun guía especializado durante todo o percorrido.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou para estender a man ao resto de administracións e trasladar o apoio do Executivo autonómico para seguir a coordinar diferentes estratexias que permitan continuar a diversificar a oferta turística da nosa provincia, e do resto de Galicia, e reforzar o concepto de “destino único” para os nosos viaxeiros.
 

7 de novembro de 2013 | 23:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.