publicidade hoxe

O departamento de Cultura celebra o inicio das obras de restauración do Hórreo de Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilaboa
A-
A+

Despois de unha espera de máis de ano e medio e de varias denuncias por escrito, incluso ante o departamento de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de Vilaboa, a través da Concellería de Cultura e Mocidade e do seu titular Tomás Boullosa, celebran que a Igrexa por fin dera comezo ás obras de restauración e acondicionamento do Hórreo da Rectoral de Vilaboa.

O Hórreo da Rectoral de Vilaboa foi construído no século XVI e é o terceiro máis grande de Galicia, despois dos de Carnota e Poio, e ao seu tamaño hai que engadirlle a peculiaridade e case exclusividade no seu ámbito de ser posuídor de 36 pés en filas de tres. Ademais, a estas características hai que engadir que segundo os especialistas, este hórreo polas súas dimensións, calidade dos materiais utilizados e os dous rostros esculpidos nunha das súas testeira é un dos máis importantes de Galicia.

O seu estado ruinoso e o deterioro dos últimos anos levou ao Concello de Vilaboa a polo en coñecemento da Xunta e a reclamar á Igrexa, titularidade do inmoble, á inmediata restauración.

As obras de restauración e acondicionamento comezaron fai uns días e desde o concello esperan e desexan que estean rematadas antes de fin de ano. Unha vez rematadas a Concellería de Cultura fará as xestións posibles e necesarias para poder promocionar e pór en valor esta xoia da arquitectura civil do concello de Vilaboa.

“Alegrámonos que despois da espera, as reclamacións e preocupación mostrada polo concello chegara a bo porto e a Igrexa iniciara as obras. Por parte do Concello non podiamos tolerar por máis tempo que un monumento de tal importancia arquitectónica e histórica fose abaixo”, declarou Tomás Boullosa, ao que engadiu que unha vez rematada a obra o Concello organizaría algún acto de celebración e algunha actividade de promoción turísitica e posta en valor de dito patrimonio.

6 de novembro de 2013 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.